Ir o contido principal
iniciar sesión

Cineuropa afronta o tramo final do festival con oito estreas internacionais

A primeira, Trois souvenirs de moi jeunesse, de Arnaud Desplechin (Salón Teatro ás 20:15 h), é unha fermosa película cunha visión do amor exacerbada, moi próximo ao cinema do Truffaut máis romántico.
Demon, de Marcin Wrona (Teatro Principal ás 23:15 h), é "o mellor filme europeo do ano" para o noso director, José Luis Losa. Marcin Wrona faleceu en setembro con só 42 anos, tres semanas antes do festival de Sitges onde a película levou o premio á mellor fotografía. A película contén a que para Losa é "unha das mellores secuencias de voda da historia do cinema, á altura de El Padrino ou El Gatopardo".

Cosmos significa o retorno do gran Andrezj Zulawski, autor de La Fidelidad ou Boris Godunov, entre outras, e mellor director en Locarno por esta película, unha exaltación feliz da vida e o amor-paixón. A cita con Zulawski será no Teatro Principal ás 19:45 h. No mesmo Principal, pero ás 18:00 h, proxectarase The Here After, de Magnus von Horn, unha das grandes sorpresas no circuíto de festivais desta tempada. Sobre o intento de reinserción dun mozo no seu antigo ambiente, e de como a plácida sociedade nórdica pode volverse insospeitadamente desasosegante.

Oliver Hirschbiegel narra en 13 Minutes (Salón Teatro ás 00:45 h) o atentado contra Hitler que estivo moito máis preto de eliminalo que a famosa Operacion Walkiria.

Jonas Govaerts dá con Cub (Teatro Principal á 01:00 h) unha divertidísima volta de torca ás películas de campamentos de scouts e asasino na sombra. Trátase dunha película na que o terror e humor van da man rabiosamente dosificados.

O novo de Sharunas Bartas, Peace to us in our dreams, chega ao Teatro Principal ás 16:00 h. Bartas conmoveu en Cannes pola súa delicada representación dunha atmosfera dominada pola incomprensión e a soidade. Dirixida especialmente a cinéfilos de padal fino.

A próxima vez apuntarei ao corazón, revelación de Cédric Anger en Sitges, proxectarase no Salón Teatro ás 16:00 h. Resulta curioso como os franceses teñen un modo moito máis repousado de contar historias de asasinos en serie que a tradición hollywoodiense.

Por outra banda, no CGAC comezará a sesión Arredor de Nimbos ás 16:00 h, coa proxección dunha serie de curtametraxes baseadas na obra Nimbos, do poeta Xosé María Díaz Castro. Nela participarán os propios directores Jaione Camborda, Ander Parody, Pablo Maraví, Jorge Suárez-Quiñones Rivas e Pablo Teijón, ademais dos actores Javier Villarín e Teresa Álvarez, protagonistas de La Inmensa Nieve, de Carlos Rivero.

O tributo a Toñito Blanco e Chichi Campos renderase este luns ás 18:00 h no Salón Teatro, coa proxección de Toñito Blanco, só, perdido e vicioso, de Nico Campos, e o coloquio posterior que presentará Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual. Nel participarán Manuel Manquiña, Antonio Durán "Morris", Juanillo Esteban, Xaime Fandiño, Tata Campos, Nico Campos e Xosé Manuel Pereiro.

Por último, pasarase por última vez no festival a soada Marguerite, de Xavier Giannoli (ás 22:30 h no Salón Teatro), e proxectarase máis cinema doutros ciclos no CGAC e o Auditorio de Galicia, incluíndo unha sesión sobre "Valores de Cinema" organizada pola asociación ASPRONAGA (ás 20:00 h).
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela