Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • A Cidade da Cultura presentou o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir de cartas náuticas.
  • O expositor da Consellería de Educación foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da IA, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional.
  • Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF). Segundo os datos que veñen de facerse públicos hoxe, a comunidade autónoma galega obtén 564 puntos, o que a coloca no primeiro posto de España e 13 puntos por riba da segunda, que é Madrid (551 puntos), 18 puntos por riba de Cataluña (que está en cuarta posición con 546 puntos) e 19 máis ca País Vasco (en quinta posición con 545 puntos). Ademais, Galicia colócase no nivel alto da táboa entre os 116 países analizados por EF-EPI, fronte ao nivel medio no que se sitúa España con 538 puntos, e á que lle saca 26 puntos de vantaxe. Tamén está moi por riba (87 puntos máis) da media mundial de 477.
  • Presentáronse en Pontevedra os principais eixos arredor dos que xirará a 17ª feira Culturgal, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro. O Pazo da Cultura da capital do Lérez volverá acoller tres intensos días de actividade, cunhas 200 citas programadas entre espectáculos, presentacións, obradoiros, exposicións ou mesas redondas. Entre as actividades programadas, os contacontos de A Vendedora de Fume e de Vero Rilo, os espectáculos do Mago Teto, Pedro Volta e Teatro Ghazafelhos, un achegamento ao proceso creativo da proposta escénica Ca-co-flex, ou as performances de Kirenia Danza e de Daniel Rodríguez arredor das súas respectivas coproducións co Centro Coreográfico Galego.
  • A Filmoteca de Galicia acolle en novembro unha programación especial dedicada á documentalista xaponesa Sumiko Haneda e unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero coa visita da directora Pilar Palomero. A presentación do libro Escuela de cineastas e a continuidade da retrospectiva sobre Agnès Varda son outras das citas que vertebran a nova carteleira mensual. Baixo o título Ampliar os afectos. O cine de Sumiko Haneda, a cinemateca da Xunta e a Fundación Japón achéganlle ao público galego a obra desta cineasta nipoa, aínda moi descoñecida en Occidente. Francisco Algarín e Irene González-López presentarán mañá esta retrospectiva, da que son comisarios, facéndose eco do estudo e do recoñecemento crecente cara a Haneda.
  • A exposición pon o foco no rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá, así como características climáticas e orográficas, que contribuíron á xestación dunha atmosfera favorable para que agrome a literatura fantástica en Galicia, que se transmitiu orixinalmente de modo oral, ao redor da lareira. Deste xeito afóndase en catro bloques: a tradición popular galega, a fantasía, a ciencia ficción e o terror. Comisariada pola escritora Alba Rozas e o técnico da Biblioteca de Galicia Lorenzo Romero, a mostra permanecerá aberta ata o mes de maio no horario de apertura das instalacións. Esta proposta forma parte da programación impulsada pola Administración autonómica co gallo do Día das Bibliotecas, celebrado o pasado 24 de outubro.
  • Déronse a coñecer os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Amador a Luscofusco, de Rianxo (A Coruña), coa obra Fraktal, e no apartado Pro a Coidadobastón!, de Redondela (Pontevedra), coa función Recordari. Na sección Amador levou o segundo premio LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou Ingobernábeis (Apto/non apto), e o terceiro O Cadro, de Taboadela (Ourense), coa peza A puta namorada.
  • Inaugurouse hoxe na Cidade da Cultura 'Tattoo. Arte baixo a pel', a maior exposición internacional sobre tatuaxe desenvolvida ata o momento. A mostra ábrese ao público no Gaiás logo de ser visitada por máis de dous millóns de persoas no seu amplo percorrido por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán, Rusia e os centros da Fundación “la Caixa” en España. 'Tattoo. Arte baixo a pel' presenta 240 pezas históricas e contemporáneas procedentes dunha vintena de países. Atopamos obxectos rituais e decorativos, fotografías, debuxos, pinturas, utensilios de tatuar tradicionais e 26 modelos hiperrealistas de silicona tatuados por algúns dos mellores artistas actuais da tatuaxe.
  • Os días 6 e 7 de novembro chega a undécima edición do CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC, que nesta ocasión leva o título ‘Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema’. Este evento, xa consolidado como un espazo de reflexión e debate, centrará esta vez o seu foco nas mulleres que traballan nos oficios do cinema menos visibles pero imprescindibles para a creación audiovisual, desde o son ata a produción e a montaxe. Organizado polo Grupo de Investigación en Estudos Audiovisuais da USC, o seminario pretende reivindicar o papel destas profesionais no sector audiovisual, un ámbito no que a presenza feminina segue sendo escasa, especialmente en áreas técnicas e creativas.
  • O Centro Dramático Galego inicia este xoves día 24 en Lugo a xira que levará o seu espectáculo Terceiro acto a oito escenarios durante o seu regreso ás táboas co gallo da celebración do 40º aniversario da compañía pública de Galicia. Materializarase así o percorrido que non fora posible levar a cabo con esta produción en 2021 por mor da pandemia. O Auditorio Municipal Gustavo Freire da capital lucense recibirá esta montaxe o xoves ás 20,30 h., na que será a súa primeira representación fóra do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da unidade teatral da Xunta. Alí vén de ofrecer 14 funcións tras a súa reestrea do pasado día 3, nas que tamén recibiu público dos preto de 50 concellos que fixeron uso do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?