O proxecto europeo Parentnets alerta dos riscos de internet entre o alumnado

Precisamente o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, achegouse esta mañá ao Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), onde se celebra o encontro, para saudar aos participantes e coñecer de primeira man os avances dunha iniciativa que ten como obxectivo afondar sobre os riscos da Internet para os menores.
‘Parentnets’ é un proxecto integrado por institucións de sete países e que en España se encarga de coordinar a Consellería de Cultura e Educación a través da Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación. Trátase dunha iniciativa innovadora que vén a cubrir un eido neste ámbito a nivel comunitario, xa que ata o de agora non existían accións concretas enfocadas á educación dos adultos a este respecto.
Deste xeito, ‘Parentnets’ céntrase no uso das novas tecnoloxías por parte dos menores e trata de facer especial fincapé na detección e prevención dos riscos que poden representar para os mais novos. Está dirixido, sobre todo, a pais e nais de calquera país europeo con pouco o nulo manexo das novas tecnoloxías, e a profesores de primaria ou secundaria interesados en utilizar a seguridade na Internet como materia transversal na educación dos seus alumnos.
Manual e xogo multimedia dispoñibles en cinco idiomas
Os principais resultados deste proxecto plasmaranse nun manual e nun xogo multimedia que contribúan á prevención e solución dos posibles riscos que poidan derivarse do mal uso da Internet por parte de nenos e adolescentes. Estes materiais estarán dispoñibles en cinco idiomas: español, inglés, romanés, portugués e galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia