Ir o contido principal
iniciar sesión

Prséntase o 8 de febreiro no Gaiás un Baile de Entroido Chinés con música de Gramola Gominola

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a grandes e maiores ao ‘Baile de Entroido Chinés’ que se celebra no Gaiás o luns 8 de febreiro a partir das 17 horas. A festa, que arrancará ás 17 horas, servirá para darlle a benvida ao novo ano chinés, e contará coa tradicional Danza do León e a música en directo da banda de rock para nenos A Gramola Gominola.

Coincindo co inicio do novo ano chinés, a Cidade da Cultura aproveitará o ‘Baile de Entroido’ para renderlle unha homenaxe a esta cultura, convidando a todos os asistentes a caracterizarse con roupas orientais.

Ademais, o público poderá sorprenderse cos movementos da ‘Danza do León’, baile habitual nos festexos da celebración do novo ano en China e nas réplicas que se celebran en todo o mundo. Músicos en directo acompañarán aos catro acróbatas que executarán a danza baixo dúas estruturas en forma de leóns, que se moverán entre o público para repartir sorte para este 2016.

O ‘Baile de Entroido Chinés’, que terá lugar no Centro de Innovación Cultura, contará coa música en directo da banda para nenos ‘A Gramola Gominola’, que interpretará as súas versións en galego dos grandes clásicos do rock. Da man de Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra), grandes e pequenos poderán gozar dos mellores temas da música contemporánea, aglutinando todos os xéneros: punk, heavy metal, pop, blues, reggae e, por suposto, rock.

As entradas para o ‘Baile de Entroido Chinés’ xa están á venda a un prezo de 5€ no Museo Centro Gaiás, puntos físicos de ATaquilla ou a través do web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). A Cidade da Cultura conta con descontos para colectivos e packs familiares que podedes consultar en www.cidadedacultura.gal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia