Ir o contido principal
iniciar sesión

Tui acolle do 13 ao 17 de abril o Play-Doc edición 2016, máis diverso e ambicioso

O festival, que chega a súa décimo segunda edición, foi presentado en rolda de prensa na Área Panorámica polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto aos seus directores, Sara García e Ángel Sánchez, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e o deputado de Cultura, Xosé Leal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que “se a programación cultural do Concello de Tui é xa de por sí moi ambiciosa, dentro da mesma hai unha serie de eventos coma o Play-Doc que son unha das iconas destacadas desta programación”. Salientou que “para que isto sexa así hai un traballo de profesionais que con rigor foron quen de crear unha idea, plasmala, e consolidala” motivo polo que felicitou aos directores Sara García e Ángel Sánchez porque “un festival coma este para Tui é un orgullo”.

Sara García, directora do festival, explicou coma o cartel deste ano, inspirado nunha das películas de Charles Burnnet a quen dedican unha restrospectiva, representa tamén un pouco o espírito do festival “aparentemente un xogo de nenos, pero tamén un valente e arriscado salto ao baleiro. Un festival que arrisca por este tipo de cine. Tamén podería simbolizar un salto entre o documental e a ficción. Este é un festival fronteirizo non só xeograficamente senón tamén cinematograficamente”.

Ángel Sánchez, director do festival, sinalou que aínda que cada ano parece difícil superarse esta é a “edición máis diversa, máis chea de contidos, máis ambiciosa, o festival da un salto de calidade”.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, puxo o aceno en que Play-Doc é “un referente a nivel mundial” e ao tempo fai que “Tui sexa protagonista a nivel mundial” destacando que “un dos méritos de Play-Doc é seguir manténdose en Tui”. Tamén aludiu a coma este evento é un polo de atracción de turismo cultural. Amais mencionou coma dentro do Ano Castelao o próximo mércores na inauguración vaise proxectar a primeira película galega “Miss Ledya” propiedade do Museo de Pontevedra.

Por último Jacobo Sutil explicou que “dentro do panorama de festivais de Galicia o Play-Doc ocupa un lugar especial” e destacou coma “trata sempre con rigor a súa programación”. O director da AGADIC destacou coma este evento incide na dinamización cultural e económica de Tui. Rematou felicitando ao directores de Play-Doc pola súa aposta polo audiovisual galego, e por manter a actividade fóra das datas propias de celebración do festival tanto coa canle en R Televisión coma achegando este ano o ciclo de Charles Burnett á Coruña, San Sebastián, Madrid, Valencia e Bruxelas.

Play-Doc comezará o próximo mércores, 13 de abril, e ofrece cada tarde, ata o domingo 17, proxección do cinema documental nas dúas salas de que dispón. As entradas para cada proxección terán un prezo de 2€. Toda a información do festival está accesible na súa web www.play-doc.com.

Gabinete de Comunicación do Concello de Tui