Ir o contido principal
iniciar sesión

Hostalería de Galicia promociona as titulacións de dirección hoteleira e xestión en cociña en Portugal

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) está a promocionar as súas titulacións de dirección hoteleira e xestión en cociña en Portugal. Así, o departamento de márketing do CSHG ofreceu diversas charlas nas escolas Raínha Leonor, Pedro Nunes e Lumiar da capital lusa, ademais de celebrar unha xornada de traballo con membros do Instituto Cervantes.

O obxectivo do CSHG é iniciar unha colaboración con este e outros centros co fin de animar aos alumnos portugueses do Centro a facer cursos de español para mellorar a súa integración e facilitar a formación durante o primeiro ano.

As xornadas formativas seguirán nestes días en Lisboa, Oporto, Pôvoa de Varzim e Valença do Minho. Hoxe, martes, o departamento de márketing do Centro participará nunha feira na escola Eça de Queirós durante toda a mañá e ofrecerá unha charla a un grupo de 50 alumnos na escola José Gomes Ferreiro. Do mesmo xeito, e xa pola tarde, terá lugar unha charla no Centro Galego de Lisboa para a que están convocados uns 3.000 galegos que viven na capital de Portugal.

Varios integrantes do departamento de márketing do Centro Superior de Hostalería de Galicia visitarán o mércores o colexio A Nosa Senhora do Rosario de Oporto, un dos mellores centros de Portugal de onde proceden varios alumnos e antigos alumnos do Centro, no colexio Internato dos Carvalhos e na Escola de Maia.

Mentres que o xoves, participarán xunto coa USC na feira da escola Eça de Queirós da Pôvoa de Varzim, que durará todo o día. E finalmente, o venres visitarán diversas escolas de Porto para acabar con tres charlas na escola Muralhas do Minho de Valença, de onde proceden alumnos como o actual presidente do Clube de Antigos Alumnos do CSHG, entre outros.

Estas charlas e contactos en Portugal pretenden por un lado, que o Centro siga a ser unha referencia no país veciño e, por outro, captar novos alumnos portugueses para que estuden unhas titulacións de prestixio cunha elevada porcentaxe de inserción laboral.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia