O alumnado participante no programa do CGAI Cinema en curso comeza as rodaxes

Culminará así o traballo que os estudantes do CEIP A Rúa de Cangas, CEIP San Xoán de Becerreá, IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e IES Manuel Murguía de Arteixo veñen desenvolvendo nos seus respectivos talleres cos cineastas galegos Ángel Santos, Jaione Camborda e Marcos Flórez.
Primeiro filme de ficción
A primeira das rodaxe é a que inician os alumnos de 6º de Primaria do CEIP A Rúa de Cangas, centro que durante dous anos consecutivos obtivo o Premio Nacional de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polas súas curtametraxes para ‘Cinema en curso’. O director pontevedrés Ángel Santos acompáñaos na gravación da que será a primeira peza de ficción da sección galega deste programa educativo, ata o de agora centrado exclusivamente no documental. Durante o seu taller co realizador de ‘As altas presións’, o grupo de traballo integrado por nenos e nenas de 11 e 12 anos de idade definiron as situacións emocionais que vive o protagonista do seu filme, ademais de planificar a produción da súa rodaxe.
A vindeira semana será a quenda para as gravacións dos alumnos de 4º de ESO do IES Chamoso Lamas do Carballiño e de 5º e 6º de Primiaria do CEIP San Xoán de Becerreá. Os primeiros están a traballar tamén xunto a Ángel Santos nun documental sobre os antigos camiños dos arrieiros, percorrendo os pobos abandonados polos que transcorrían e falando con algúns dos veciños que se trasladaron a vivir a outras zonas da comarca.
Pola súa banda, a cineasta Jaione Camborda –gañadora dun Mestre Mateo en 2015 como guionista de ‘Os fenómenos’ xunto a Alfonso Zarauza– traballa co grupo de Becerreá nunha peza documental sobre Os Ancares, que aborda o tránsito do inverno á primavera neste contorno natural e rural.
A última destas catro rodaxes está programada para os días 11 e 12 de maio cos alumnos de 1º de ESO do IES Manuel Murguía de Arteixo que participan no taller do director Marcos Flórez, coautor do proxecto colectivo ‘Volontè’. O desenvolvemento urbanístico do seu concello, así como o seu impacto na paisaxe, é o tema central desta curtametraxe documental.
Estrea o 16 de xuño
Os catro filmes serán proxectados nunha sesión especial que terá lugar o 16 de xuño, ás 11.30 horas, na sede do CGAI na Coruña coa asistencia de todos os participantes e colaboradores no programa.
‘Cinema en curso’ combina o cinema e a pedagoxía seguindo unha metodoloxía de traballo avalada pola traxectoria desta iniciativa, que botou a andar en 2015 en Cataluña da man da asociación A Bao A Qu e que agora é xa unha experiencia internacional da que tamén forman parte entidades de Madrid, Arxentina e Chile, ademais de Galicia. A través dela, os alumnos descobren a sétima arte co visionado e reflexión sobre películas de todas as épocas e culturas, ao tempo que lles dedican os últimos meses á escrita do guión, planificación, rodaxe e montaxe das súas propias películas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia