O Centro Superior de Hostalería de Galicia entrega o 21 de maio os premios do I Concurso Desafío Hostaleiro

Nesta xornada tamén se recoñecerá o mellor alumno do centro con base nos seus valores académicos e humanos segundo o criterio do persoal e alumnos. Tamén no marco desta celebración, o CSHG ofrecerá unha xornada de portas abertas para todas as persoas que desexen coñecer as súas instalacións e tamén se impartirá a conferencia Sector hostaleiro: motor de impulso da economía española, a cargo do economista e profesor universitario José María Gay de Liébana.
Ademais, os asistentes poderán participar en catro actividades de tipo práctico que organiza o CSHG: Escola de sabores, unha cata de chocolates; False friends, sobre as confusións lingüísticas máis frecuentes do inglés; Idea o teu restaurante, sobre como poñer en marcha un negocio; e Sabor ou marca?, unha cata organizada polo departamento de marketing.
Os actos comezarán ás 10.30 horas coa recepción de visitantes no edificio principal do centro. A continuación, ás 11.00 horas, terá lugar a conferencia de Gay de Liébana. Ás 12.30 horas continuarase co recoñecemento ao mellor alumno do centro e coa entrega de premios. Un pouco antes das 13 horas comezarán as actividades prácticas e finalizarase a xornada cunha visita ás instalacións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia