Ir o contido principal
iniciar sesión

As Regueifas de ciencia 2016, da USC, debaten sobre o cambio do fuso horario

No equipo a favor do cambio de fuso participarán o portavoz do grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia, Francisco Jorquera, e o coordinador internacional da Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE) e profesor de Economía e Empresa na UNED, José María Fernández-Crehuet. No bando oposto estarán o catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC Jorge Mira e o profesor de Física da Universidade de Sevilla, José María Martín-Olalla.

‘Regueifas de Ciencia’ é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela financiada pola FECYT que consiste en diversos debates con estrutura tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometrados, estrutura por bloques…) sobre cuestións polémicas baseadas na ciencia que se celebran ao largo de 2016.

Todos participan

A exposición e confrontación de ideas é consubstancial ao coñecemento científico e por iso os debates, ademais de dar a coñecer os argumentos das distintas posicións ao redor dun tema, cumpren unha función de aprendizaxe e enriquecemento na audiencia que participa del. De feito, para comprobar a efectividade desta clase de confrontacións dialécticas, á entrada na sala preguntaráselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que será confrontada xusto ao remate do debate.

O equipo que organiza estes debates, que se retransmiten en streaming dende a facultade, comezou xa a preparar o terreo da regueifa animando a un dabet previo a través das súas contas en Facebook (http://www.facebook.com/regueifas) e Twitter (@regueifaciencia).
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela