Ir o contido principal
iniciar sesión

O Campus Terra da USC súmase á promoción do audiovisual con Fin de Curta

A área de Cultura do Campus Terra da USC abre o prazo de inscrición no maratón de curtametraxes I Fin de Curta, unha nova iniciativa artística organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo, e a través do que se pretende contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega.

O maratón cinematogáfico I Fin de Curta é unha convocatoria aberta a todo o público e as personas interesadas poderán formalizar a súa inscrición de balde do 2 ao 9 de xuño, en quenda de 9.00 a 14.00 horas, nas oficinas de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es ou no número de teléfono 982 821 513.

A actividade e os contidos das propostas presentadas ao I Fin de Curta deberá desenvolverse entre las 17.00 horas do venres 10 de xuño ata as 8.30 horas do luns 13 de xuño. Os traballos entregaranse nun ficheiro dixital en formato .mov en 720p o 1080p codificado en H.264 a 24 o 25 fps con son codificado en AAC e un peso total que non supere os 2 GB o mesmo día 13, antes das 15.00 horas, no rexistro da USC situado no edificio que acubilla a Biblioteca Intercentros do campus de Lugo.

A duración máxima das curtas, que deben ser en galego, non poderá exceder de 6 minutos, tal e como estipulan as bases deste certame, que estarán accesibles desde o 2 de xuño na web da USC e tamén no portal www.lugocultural.es.

Sesión informativa previa

Unha hora antes do comezo do período estipulado para o desenvolvemento dos traballos presentados ao I Fin de Curtas, as persoas ou representantes de cada un dos equipos incritos neste certame deberán participar nunha sesión informativa que se desenvolverá, a partir das 16.00 horas, no auditorio da Casa do Saber.

Os representantes de equipos ou participantes individuais que acudan esta sesión informativa previa do I Fin de Curtas deben ir provistos do seu D.N.I. ou documento acreditativo. Os organizadores asingarán a cada participante unha serie de elementos que deben formar parte da curtametraxe: un lugar, unha personaxe, un obxecto, que deberán aparecer na pantalla, e unha frase (liña de diálogo), que pode ser utilizada textualmente en voz falada, cantada ou incluso escrita.

O xénero da curtametraxe escollerase para cada grupo nun sorteo ao azar que se realizará durante a sesión informativa. Os temas propostos son aventuras e acción, comedia, terror, drama, musical, mudo, road movie, romántico, ciencia ficción, western, artes marciais, extraterrestres, detective/policíaco, bélico, misterio, peixe fóra da auga, superheroes ou zombies. Os equipos terán a opción de rexeitar o xénero seleccionado no sorteo e cambialo por un comodín.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)