Ir o contido principal
iniciar sesión

Aprobado o convenio para a celebración do Womex 2016 na capital de Galicia

Xunta de Goberno deulle o visto ao convenio entre o Concello e a Consellería de Cultura para o financiamento do Womex 2016, a maior feira internacional de músicas do mundo que se celebrará en Santiago do 19 ao 23 de outubro. O acordo establece que a Consellería fará unha achega de 100.000 euros para o financiamento do festival, mentres que o Concello aportará 75.000 euros e a Deputación da Coruña 215.000.

Na edición de 2014, que tamén se celebrou en Santiago, o Womex conseguiu un récord de participación, con 2.400 delegados e 1.470 empresas de 90 países.

Finca do Espiño

O Executivo local acordou iniciar o procedemento para resolver o contrato coa empresa Dragados, adxudicataria da rehabilitación do palacete da Finca do Espiño. O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que a decisión responde a informes técnicos que puxeron de manifesto a existencia de numerosos erros no proxecto, "como a ausencia de partidas para o apuntalado das ruínas ou a xestión do residuos".

O edil sinalou que a corrección destes erros afectaríalle a máis do 10% do orzamento da obra, polo que legalmente non se podía facer un modificado do proxecto. Agora, o Concello terá que indemnizar á empresa cunha cifra equivalente ao 3% do importe do contrato, que era de 931.972,19 euros. Ademais, a Xunta de Goberno acordou iniciar un procedemento contraditorio para depurar as responsabilidades que puidera ter o arquitecto responsable do proxecto por eses erros.

Outros acordos

A proposta da concellería de Educación, a Xunta de Goberno aprobou os prazos para a solicitude de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores para o curso que vén. O trámite poderase realizar entre os días 27 de xuño e 11 de xullo, ambos inclusive.

En materia de transporte público, a Xunta de Goberno aprobou as liquidacións de Tralusa, Transportes Mosquera e Autos Carballo relativas a 2015, acordou a solicitude dunha subvención ao transporte colectivo urbano interior.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela