A Xunta e Feiraco entregan os premios de microrrelatos Letras Galegas 2016, que promoven a dinamización social do idioma

O primeiro clasificado recibiu unha Enciclopedia Galega Universal, un lote de libros de literatura en lingua galega e un lote de produtos Feiraco. Os premiados co segundo, terceiro e cuarto galardón tamén foron agasallados coa dita Enciclopedia e mais co lote de produtos lácteos.
Un total de 170 participantes
Para poder participar neste certame, que acadou unha importante participación ao pasar dos 103 inscritos o ano pasado aos 170 desta edición, era preciso estar rexistrado en Facebook como fan da fábrica e compartir na aplicación do concurso un microrrelato orixinal, escrito en galego, cunha extensión máxima de 500 caracteres e que comezara coa frase “Levamos toda a nosa vida amando a palabra”, dun poema de Manuel María, autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.
Impulso do galego na empresa
Esta iniciativa axuda a visibilizar o compromiso de Feiraco co idioma propio, así como a estender o seu uso entre a sociedade en xeral. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación elaborou, en colaboración cos diferentes sectores implicados, o Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020, orientado a fomentar a utilización do galego no mundo da empresa, tendo en conta o efecto multiplicador que podería xerar na sociedade.
Así mesmo, tamén está traballando nun Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, co fin de potenciar o galego como a lingua de relación na mocidade, reforzar a utilización do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos mozos e mozas de orixe castelanófona.
Diversas campañas no ámbito cultural e educativo
Pola súa banda, Feiraco constitúe desde a súa fundación un exemplo de compromiso empresarial, tanto nos seus valores e métodos de traballo dirixidos á vertebración do tecido social e do desenvolvemento económico, como noutras actividades con proxección social que a cooperativa leiteira leva posto en marcha ao longo a da súa historia. Exemplos da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional son as campañas implementadas coincidindo coa celebración de efemérides anuais como poden ser as Letras Galegas, o entroido ou as postas en marcha en colaboración co ámbito educativo para achegarlles a realidade dos procesos produtivos a escolares de toda Galicia, no marco das súas accións de responsabilidade social.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia