Ir o contido principal
iniciar sesión

A 33º Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas arranca con Las Cervantas

A carteleira arranca o venres 1 coa preestrea mundial do espectáculo ‘Las Cervantas’, que lle foi encargado pola Biblioteca Nacional de España á escritora e narradora Inma Chacón co gallo da conmemoración do Ano Cervantes.

A organización da mostra, que este ano volve contar co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais de artes escénicas e de música, detallou hoxe no Salón Teatro de Santiago a programación e as novidades desta 33ª edición. Xunto coa directora artística do encontro, María Armesto, e a súa responsable de actividades paralelas e formación, Casilda Alfaro, participaron nesta presentación o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os representantes de dúas das compañías galegas na carteleira deste ano –Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Cristina Iglesias, de Chévere, e Baltasar Patiño, de Matarile Teatro–, ademais da arxentina Laura Muñoz da compañía Mundo Mandarina.

Sutil explicou que a de Cangas é unha das nove mostras adxudicatarias da convocatoria de axudas da Agadic, a través da que a Asociación Cultural Xiria percibirá 31.079 euros para o cofinanciamento desta programación, que este ano potenciará o teatro de rúa triplicando o número de espectáculos que se ofrecerán en espazos abertos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais gabou a traxectoria deste evento, do que destacou a súa calidade artística, a súa defensa do teatro galego situándoo ao mesmo nivel de obras doutras procedencias, a organización público-privada, a dinamización da economía local ou o seu compromiso social, entre outras características.

Subliñou, así mesmo, o destacado programa de actividades paralelas, no que a presenza feminina nas artes escénicas é un dos eixos principais a través das XVI Xornadas Mulleres en Acción, no marco do que este ano se premiará, ademais, á directora e actriz Mabel Lozano. Tamén entre as accións complementarias, o actor, director e dramaturgo Andrés Lima regresará a Cangas para impartir o seu obradoiro de interpretación, para o que xa se esgotaron as 34 prazas ofertadas.

En canto ao programa de espectáculos, o Auditorio Municipal acollerá este venres a representación de ‘Las Cervantas’, previa á súa estrea oficial no Festival de Teatro Clásico de Almagro. Esta peza narra a vida das mulleres máis relevantes na traxectoria do autor de ‘El Quijote’, e no seu elenco destacan as irmás Gracia e Sole Olayo, anteriormente coñecidas como ‘Las Veneno’ e moi vinculadas á Mostra pola súa presenza en edicións anteriores.

A compañía Teatro del Barrio representará o sábado 2 ‘El Rey’, escrita e dirixida por Alberto San Juan e interpretada por actores do talle de Luís Bermejo, Guillermo Toledo e Javier Gutiérrez. O domingo 3 representarase por vez primeira en Galicia ‘Princesas del Pacífico’, obra de Alicia Rodríguez e Belén Ponce de León producida pola da compañía andaluza La Estampida.
Programa internacional

En canto ás achegas internacionais, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas trae a Galicia os espectáculos ‘Tête de Pioche’, unha montaxe da compañía francesa Heyaka Theatre baseada no universo clown e no humor burlesco, e ‘Interrupted’, unha divertida comedia da compañía Teatro en Vilo (Inglaterra-España) sobre como unha vida perfecta pode converterse nun inferno.

Entre a representación galega nesta carteleira sobresaen os espectáculos ‘El cuello de la jirafa’, que Matarile Teatro porá en escena o mércores 6 no Auditorio Municipal, e ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, compañía que será recoñecida co premio Xiria á súa traxectoria. A súa última produción poderá verse o sábado 9.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia