Ir o contido principal
iniciar sesión

Do 5 ao 14 de agosto 150 artistas integran a delegación galega no Festival Lorient

O Festival Intercéltico de Lorient celébrase desde 1971 na localidade francesa do mesmo nome. O festival é un punto de encontro das chamadas nacións celtas, no que a cultura, música e tradicións dos diferentes países e rexións danse cita. Desenvólvese nos primeiros días de agosto e é o maior acontecemento destas características no mundo.

As rexións participantes son: Irlanda (Eire), Escocia (Alba), Bretaña (Breizh), Gales (Cymru), illa de Man (Mannin), Cornualles (Kernow), Galicia (Galiza) e Asturias (Asturies). Desde o ano 2000 denominado Ano do mundo celta engadíronse representacións de países con emigración das rexións celtas como EEUU, Australia, Nova Zelandia, Arxentina, México, e até Rumania e Italia.

Unha particularidade do festival é que cada ano está dedicado a unha rexión celta do mundo sendo en 2007 o ano de Escocia. Outras rexións ás que estivo dedicado foron en 2006 Australia e en 2005 Irlanda. No ano 2007 recibiu o VIN Premio da Fundación da sidra.

Xusto unha década despois, en 2016, o festival volve estar adicado de novo a Australia e a música de raíz galega contará cunha ampla presenza. En total 150 artistas dedicados á música e ao baile participan neste evento, que se desenvolve entre o 5 e o 14 de agosto, segundo informan desde a propia delegación. Riobó serán os primeiros en amosar o seu traballo no escenario, con actuacións no Palacio de Congresos o día 6 e no Gran Teatro o 8. Vaamonde, Lamas & Romero, pola súa banda, teñen concertos os días 9 e 10. En canto a grupos de baile e canto tradicional, Brincadeira ten unha apretada axenda con actuacións case diarias entre os días 6 e 13, ao igual que Cántigas e Froles e a banda de gaitas Malante de Malpica. A delegación do país complétase coa participación do dúo A Vagaba no ciclo de músicas sacras. Pola súa banda, no trofeo MacCrimmon de gaita participarán os intérpretes Xesús Rodríguez, Daniel Fernández, Víctor Antelo e Jorge Gándara.

O festival ten varios escenarios principais pero trátase dunha manifestación tamén rueira. Durante os días que dura o festival a cidade enteira vólvese un escenario posto que é fácil ver por diferentes sitios aos grupos actuando xa sexa na zona das tendas rexionais, a rúa ou en bares. Para os eventos máis formais utilízase o Palais de Congrès, Grand Théâtre ou Eglise Saint Louis Para os eventos máis multitudinarios utilízase o Parc de Moustoir, estadio de fútbol do Lorient F.C. cunha capacidade de 10.000 espectadores. O Port de Pêche (Porzh Pesketa) é a zona do porto e é outro dos escenarios utilizados. En total móntanse ao redor de vinte escenarios por toda a cidade.
GD