Ir o contido principal
iniciar sesión

15.000 persoas ateigaron Vilaxoán e Vilagarcía na edición máis grande do Festival Revenidas

Ó redor de 650 postos de traballos xerados, 150 directos e 500 indirectos, son as cifras que resumen o esforzo que hai detrás dos escenarios, espazos e actividades do festival, así como todo o equipo humano dun evento de referencia.

Experiencias de festa: música, gastronomía, mar e amizade

Revenidas é xa unha marca diferenciada, un festival único, vencellado ás tradicións, que combina á perfección espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cun recinto pechado de dous escenarios cunha programación musical moi definida, que inclúe importantes bandas internacionais, estatais e galegas.

Unha edición con máis espazos de actividades, entre os inclúen a Praia do Preguntoiro con Bandeira Azul e tres zonas de acampada, con dous novos protagonistas como a gastronomía e o mar e con moita música. En total máis de 30 concertos moitos dos cales non defraudaron ás persoas asistentes. Grandes concertos de temas clásicos e recentes de Gabriel o Pensador, Talco, Fanfare Ciocarlia, La Raíz, Russkaja ou ZOO, que quedaran pegados na memoria do público.

Revenidas é un festival comprometido coa música en galego, convertíndose no festival de pago con máis grupos galegos programados. Ademais de fomentar o novo talento a través do seu Concurso Revenidas de Música Emerxente na que se difunde e promociona a música feita en galego. Deste concurso sairon Ezetaerre, Os Vacalouras e deLombaos, tres novas bandas que compartiron escenario con Familia Caamagno, Malandrómeda, Os Tres Trebóns, Cuchufellos, O Sonoro Maxín, Falperrys e Poetarras, entre outras bandas galegas.

Gran parte do éxito do festival atópase na continua evolución e crecemento, con novos espazos e incremento de actividades, moitas delas vencelladas a vila e ó entorno onde se vén celebrando nos últimos trece anos.

“Un proxecto máis ambicioso”

O Director do Festival, Xoán Quintáns considera que “o proxecto deste ano foi máis ambicioso, xa que tratamos de abarcar máis actividades e chegar a outro tipo de público, máis diverso potenciando a gastronomía máis alá da tradicional sardiñada popular, introducindo a Cociña Moderna de Autor, con nomes relevantes como Inés Abril do Maruja Limón, e Alberto G. Prelcic, do Restaurante Silabario, Estrelas Michelín, que coa súa traxectoria persoal, deron valor engadido neste sentido e grazas a Mahou, o patrocinador privado do festival máis importante”.

Entre as novidades desta pasada edición, a experiencia Deleite Galego Mariñeiro, a bordo da embarcación tradicional o Chasula. Tres saídas dende o Porto de Vilaxoán, nas que as persoas participantes navegaron entre bateas pola Ría de Arousa, escoitando concertos acústicos de Sonoro Maxim e Xurxo Souto co seu Océano para Terrícolas, incluido ademais unha degustación gastronómica de producto 100% galego : empanada de millo, mexilóns, leite e viño Marieta Martín Códax.

Cabe destacar o éxito de asistencia e públicos á Feira Revenida de innovación e creatividade mais a Gala Solidaria Refuxiados/as Revenidas. Dúas actividades xa consolidadas e imprescindibles que forman parte da razón de ser do festival. O compromiso e solidariedade presentes dende a orixe do festival, volcada nas pasadas edicións á axuda ó pobo saharaui, centrouse no 2016 á axuda ás persoas refuxiadas que ateigan as fronteiras dos países e van a deriba sen un teito seguro no que continuar as súas vidas. A colaboración do festival coa ONG Pallasos en Rebeldía, acadando grazas a aportación de tódolos asistentes un importe recaudado de 1500€ que serán destinados a esta ONG a prol desta causa.

O balance para a organización do Festival é moi positivo, confirmando unha nova edición para o vindeiro ano e engadindo “que cada vez é más difícil e custoso programar e buscar o equilibrio entre o que demanda o público, a axenda dos propios artistas, e o poder de convocatoria sen que faga disparar os custos do evento, pero no 2017 prometemos seguir sorprendendo...entre outras cousas abrindo o festival ó mar”.
Revenidas comunicación & contidos