Ir o contido principal
iniciar sesión

O proxecto Quedamos na casa! presenta a oferta cultural da USC en Casa Europa

Teatro, danza, música, exposicións, performances, astronomía... Todo isto nunha xornada gratuíta, a do xoves 22, na que a cultura tomará os espazos da singular Casa de Europa da USC, no Parque de Vista Alegre, para transformala nun escaparate vivo de toda a oferta artística da institución universitaria.

O proxecto ‘Quedamos na Casa!’, unha iniciativa de Matilde Rodríguez (www.ogatocosmico.com) e María del Canto Motrel, nace coa idea de promover a cultura e o patrimonio da USC dando visibilidade a todos os seus departamentos culturais ao tempo que achega ao público xeral e á comunidade universitaria parte do seu patrimonio menos coñecido.

A xornada comeza ás 17.00 horas cunha visita guiada polo parque (única actividade para a que é preciso reservar) e logo continuará ata as 22.00 con numerosas actividades simultáneas. Dende obradoiros de fotografía ou danza latina ata observacións astronómicas, pasando por microteatro, performances de danza, concertos do Grupo de Cámara ou do Coro da USC e mesmo unha exposición da Fonoteca. Ademais, durante toda a xornada haberá un catering servido polo restaurante Garum.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)