Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC abre a matrícula para os obradoiros de elaboración de TFG e TFM

As persoas que se matriculen obterán, ademais de ferramentas para acadar a máxima calidade formal en lingua galega, o recoñecemento dun crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas.

Co obradoiro de elaboración de TFG e TFM aprenderán a tirarlles todo o partido posible a a modelos previos, mellorando a redacción e achegando recursos para preparar con eficacia a defensa oral do traballo diante do tribunal coa axuda de presentacións dixitais. O obradoiro sobre TFG diríxese a todo o alumnado matriculado na materia de Traballo fin de Grao e o de TFM ao de calquera titulación.

O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, mentres que nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu propio traballo de fin de grao ou de mestrado segundo as pautas do obradoiro. Con posterioridade celebraranse unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar dúbidas, erros e acertos dos traballos.

Nas 30 horas de carga lectiva, 23 delas de carácter presencial, as persoas matriculadas verán contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información – Refworks-) para a redacción dos traballos e tamén comunicacionais para a defensa do traballo diante do tribunal con apoio de presentacións dixitais.

O obradoiro de elaboración e defensa celebrarase na Aula Informática 4 da Facultade de Xeografía e Historia os días 2, 3, 4, 9, 10, 11, 16, 17 e 18 de novembro de 16.00 a 18.00 horas (agás o día 2, que será de 16.00 a 19.00 horas). Tamén están previstas outras dúas sesións de dúas horas á volta de nadal, para a avalación e posta en común e cuxa data se consensuará co alumnado. A matrícula ten un custe de 30 euros e faise a través de Internet na páxina web do SNL ata o 25 de outubro.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)