Ir o contido principal
iniciar sesión

O Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson retratará a muller na sociedade actual

Trátase dunha convocatoria promovida pola Universidade de Santiago no marco do convenio de colaboración en materia de igualdade de xénero subscrito co Concello de Santiago.

A finalidade desta iniciativa é sacar á luz o labor historicamente invisibilizado que desenvolven as mulleres na sociedade e contribuír a redefinir os estereotipos de xénero no relativo a traballos supostamente propios de mulleres ou homes, obviando o dereito de toda persoa a escoller alternativas profesionais dun xeito libre e vocacional. Así, as temática das fotografías terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas, premiándose a creatividade, a innovación e o impacto da propia imaxe.

As fotografías entregaranse en formato dixital cunha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal e un tamaño A3 ou A4 ata o 24 de outubro de 2016. Financiados polo Concello de Santiago, outorgaranse tres premios dotados con 1.000, 800 e 500 euros respectivamente. A imaxe seleccionada como gañadora será utilizada pola USC como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller en 2017. Coas doce instantáneas finalistas elaborarase un calendario.

A elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a esta iniciativa lembra a unha muller que realizou un traballo importante nun campo desenvolvido nas súas orixes tradicionalmente por homes. Ademais presta atención á súa destacada obra, na que se inclúe o retrato que a fotógrafa estadounidense acadou da muller galego dos anos 20.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)