Ir o contido principal
iniciar sesión

A Feira Internacional de Emprego Universitario favorece o acceso ao mercado laboral

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou en Vigo a primeira edición da Finde.U-Feira Internacional do Emprego Universitario, unha iniciativa que organizan conxuntamente as universidades de Porto, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro e que apoia a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, co obxectivo de dar a oportunidade aos estudantes e persoas tituladas de todas as áreas de coñecemento de manter un contacto directo coas organizacións e empresas que demandan os mellores talentos.

O director xeral destacou que un dos obxectivos prioritarios da Xunta é favorecer o acceso ao mercado laboral dos mozos e mozas cun emprego estable e de calidade. Para iso, o Goberno galego está a executar a Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta da Administración autonómica en materia laboral que entre as súas medidas inclúe diversas ferramentas para mellorar a empregabilidade dos menores de 30 anos.

Marnotes salientou, ao respecto, o Programa de Garantía Xuvenil que inclúe, entre outros, apoios aos autónomos ou incentivos á contratación. A Administración autonómica, ademais, ten a disposición da mocidade 56 técnicos de orientación ou titores que deseñan itinerarios de emprego específicos para os mozos e mozas.

A través de Garantía Xuvenil, existe tamén un programa para facilitar a inserción laboral dos estudantes, que ten como obxectivo principal propiciar que os alumnos de FP obteñan un contrato laboral no mesmo centro de traballo onde realizan as súas prácticas.

Marnotes, ademais, sinalou a necesidade de adaptarse ás novas demandas da Industria 4.0, entendendo a formación e a capacitación como pancas de cambio. Subliñou, ao respecto, que a Xunta está a reforzar e modernizar os Centros de Formación Profesional para o Emprego e está a adaptar a formación cara ao novo modelo industrial.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral tamén puxo en valor o Servizo Eures Transfronteirizo, no que participa a Xunta, para favorecer o intercambio de ofertas e demandas de emprego entre os traballadores da rexión transfronteiriza co obxectivo de crear un mercado de traballo “aberto e accesible”.

Entre as actuacións que desenvolve o Servizo Eures, resaltan o intercambio de información sobre o mercado laboral de cada zona como é sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe ou sobre as condicións de vida e de traballo e as oportunidades para a adquisición de competencias. “Do que se trata é de mellorar a situación do emprego en Galicia e Norte de Portugal”, apuntou.

A Feira do Emprego

A Feira Internacional do Emprego Universitario ofrece aos estudantes e titulados ofertas de emprego, de prácticas, bolsas ou traballos ocasionais, así como a oportunidade de coñecer procesos de selección a medio e longo prazo, a realización de entrevistas de traballo e a participación en sesións informativas e talleres.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia