Ir o contido principal
iniciar sesión

O grupo de teatro do IV Ciclo estrea a peza Unha vez foi o trebón, baseada na obra do poeta chairego Manuel María

O grupo Vaites, Vaitesteatro, formado por alumnado do IV Ciclo da USC e integrado na Aula de Teatro do Campus Terra que coordina Paloma Lugilde, vén de estrear con éxito de crítica a peza "Unha vez foi o trebón", un estudo teatral baseado na obra de Manuel María na que narra as guerras irmandiñas

A actuación, encadrada no marco das actividades promovidas pola Asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo en lembranza de Manuel María no ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, rexistrou unha moi boa acollida por parte do público que se deu cita no auditorio da Casa do Saber, ao tempo que tamén recibiu moi boas crítica.

O suxestivo tratamento estético creado co uso de distintas gamas de negro que trocan os personaxes en sombras, a coreografía moi próxima ao medievo e unha atinada dramaturxia da luz capaz de crear unha atmosfera expresionista coa proxección de sombras sen forma son, segundo Camilo Valdehorras, algúns dos “efectos irmandiños” mellor recollidos neste estudo teatral adaptado e dirixido por Paloma Lugilde.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela