Un total de 141 mozos residentes no exterior participan nos cursos de especialización promovidos pola Xunta

“Neste senso a vosa incorporación efectiva ás tarefas e responsabilidades asociativas é a mellor maneira de transmitir o amor por Galicia”, indicou aos mozos o mandatario autonómico no decurso do acto. De aí que a Xunta decida promover a asunción destas tarefas de responsabilidade mediante a organización dunha nova edición dos Cursos de Especialización que fomentan a realización de actividades culturais e deportivas por parte dos integrantes das entidades galegas no exterior, mediante, tal e como lembrou o presidente da Xunta, “a motivación e actualización de coñecementos dos seus monitores”.
PORTAL DA EMIGRACIÓN GALEGA
O mandatario galego defendeu a relevancia de activar espazos de encontro e colaboración a través das novas tecnoloxías como unha estratexia fundamental para a Galicia da diáspora. Así, verá a luz proximamente o Portal da Emigración Galega, que constituirá unha verdadeira plataforma de interrelación entre os membros das comunidades galegas no exterior e promoverá a súa relación co Executivo autonómico. “Este proxecto promete instaurar un verdadeiro mundo de oportunidades que, cada día, irá gañando en calidade e importancia e que fará de Galicia un sementeiro de ideas e apostas económicas, empresariais, educativas, culturais, políticas e institucionais”, detallou Manuel Fraga.
Do total de 141 participantes nesta edición dos Cursos de Especialización, 38 pertencen a outras Comunidades Autónomas, 80 proceden de América e 23 de Europa.
INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA RECEPCIÓN INSTITUCIONAL AOS PARTICIPANTES NOS CURSOS DE ESPECIALIZACIÓN 2005 EN GALICIA PARA MONITORES E DIRECTORES DE GRUPOS CULTURAIS, ARTÍSTICOS E DEPORTIVOS NA GALICIA EXTERIOR
-“Chegades á terra dos vosos devanceiros, das vosas raíces. Vides desde moi lonxe co obxectivo de afianzar e mellorar os vosos coñecementos en actividades culturais, artísticas e deportivas, disciplinas que se impartirán un ano máis dentro destes Cursos de Especialización, impulsados pola Consellería de Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e de distintas entidades que apostaron a favor da emigración”.
-“Vós sodes os principais protagonistas desta nova Galicia do século XXI, das oportunidades e do intercambio. Os 141 mozos escollidos entre os milleiros de rapaces novos espallados na Galicia Universal sodes o mellor investimento de futuro para estas terras”.
-“Desta realidade xurdiron estes cursos nos que, dentro dunha actividade intercultural, se promove o fomento das actividades culturais e deportivas que realizan as entidades galegas no exterior mediante a motivación e actualización dos coñecementos dos seus monitores”.
-“Queremos contar coa mocidade do exterior para deseñar un escenario no que seguir medrando. En vós está a clave de progreso de calquera sociedade”.
-“Neste senso a vosa incorporación efectiva ás tarefas e responsabilidades asociativas é a mellora maneira de transmitir o amor por Galicia”.
-“O Portal da Emigración Galega, que será presentado proximamente, xorde coma un novo espazo de interrelación de medios e enerxías entre as comunidades galegas e destas con Galicia. Así, este proxecto promete instaurar un verdadeiro mundo de oportunidades que, cada día, irá gañando en calidade e importancia e que fará de Galicia un sementeiro de ideas e apostas económicas, empresariais, educativas, culturais, políticas e institucionais”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia