Ir o contido principal
iniciar sesión

A entrega de premios aos gañadores da Fase nacional da XLI Olimpiada Matemática Española celebrarase no Colexio de Fonseca

No acto participarán ademais os os conselleiros de Educación e de Innovación, Celso Currás e Juan Rodríguez Yuste, respectivamente; os reitores das universidades de Vigo e Coruña, Domingo Docampo e José M. Barja, respectivamente; a subdirectora xeral de Bolsas e Axudas ao Estudo do Ministerio de Educación, Amalia Gómez Rodríguez, e a concelleira delegada de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, Elvira Cienfuegos.

A Fase Nacional da XLI Olimpiada Matemática Española estase a celebrar na Universidade de Santiago, o luns, día 21, e o martes 22, coa participación de 120 alumnos de Bacharelato de toda España. As probas de resolución de problemas matemáticos por parte dos alumnos participantes nesta competición comezaron o luns no Complexo do Monte do Gozo e continuarán o martes en horario de 9:30 a 14:00 horas

A Olimpiada Matemática Española é unha competición para o alumnado de bacharelato que convoca anualmente a Real Sociedad Matemática Española desenvolvéndose en dúas fases, a de Distrito e a Nacional, á que concorren os gañadores dos diferentes distritos universitarios estatais. Nesta edición, chegan á Fase Nacional 24 alumnas e 96 alumnos, de entre os que se sairán os representantes de España na International Mathematical Olympiad, a celebrar en México, e na Olimpiada Iberoamericana de Matemáticas, que se vai celebrar en Colombia.

En paralelo coa organización da Olimpiada, terán lugar diversas actividades entre as que cabe salientar catro exposicións sobre fotografía matemática, tensegridades, anamorfoses, e sobre papiroflexia matemática, abertas ao público na Facultade de Matemáticas. Ademais, para o luns, día 21, ás 20:00 horas está prevista a entrega de premios aos gañadores da Fase de Distrito, nun acto que se vai celebrar no Paraninfo da Universidade da Coruña.

Os premios da fase Nacional contan co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, da Universidade de Santiago, da Fundación Vodafone, da Deputación da Coruña, dos Concellos da Coruña, Santiago e Mugardos, de Gadisa, das Bodegas Martín Códax, de Caixanova e a colaboración de diversas empresas así como da Universidade da Coruña.
Gabinete de Comunicación da USC