Ir o contido principal
iniciar sesión

Somos a curta! volve premiar humor e lingua na súa sexta edición impulsada pola USC

Esta actividade organízase coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e o apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo para presentar pezas audiovisuais queda aberto ata o 12 de outubro de 2017.

As curtas, cuxa duración non pode sobardar os 10 minutos, terán como piar fundamental o humor. Deben elaborarse en lingua galega, coa intención de promover o noso idioma nun eido clave para a sociedade como o audiovisual. O Somos a curta! está dotado con dous galardóns de 450 e 250 euros para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Ademais, farase entrega dun premio á curta que acade unha maior acollida entre o público asistente á gala que terá lugar o mércores 25 de outubro ás 20:00 horas no Salón de Actos do centro na que se visualizarán todos os traballos.

Na web www.usc.gal/snl está dispoñible toda a información e as bases sobre o concurso. Tamén se pode acceder á información sobre as edicións anteriores e verse as curtas gañadoras en pasadas edicións: Longa noite de verga (2011), Chapeau, Por Couso, Familia (2012), Santiago de Compostela 2014 e Loita de clases (2013), Laranxa e media, Quérote tal e como son (2015), Non é país para mocosos (2016), 1000 maneiras de espichala, (2016) e Nada peor (2016).
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)