Abertas as Bolsas excelencia mocidade exterior para o retorno dos universitarios máis brillantes

A previsión é que as e os primeiros beneficiarios da medida comecen os seus estudos no mes de setembro. Esta nova medida do Goberno galego capta así para o territorio o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio. Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendente por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitido na pre inscrición dalgún dos másters das universidades galegas.
A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. O investimento global inicial por curso académico desta iniciativa é de 1.000.000 de euros.
A iniciativa será xestionada por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para atraer cada ano a galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia