Ir o contido principal
iniciar sesión

A Xunta impulsará co ILG o estudo do comportamento lingüístico dos máis novos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na rolda de prensa do Consello que a Xunta impulsará o proxecto Cambio lingüístico e contacto de lingua na xuventude, unha iniciativa co que o Goberno galego apoiará o ILG no estudo dunha franxa de idade estratéxica para a promoción da nosa lingua: entre os 18 e os 25 anos.

“Estudaranse as características lingüísticas desta xeración; os cambios lingüísticos e a influencia da lingua inicial dominante na produción lingüística da xente nova”, explicou, subliñando que o estudo non só entronca cos obxectivos do que será o primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, senón que será unha base fundamental para cumprir co seu principal cometido: incrementar o uso do galego entre os máis novos.

Este proxecto de investigación enmárcase na renovación do convenio de colaboración co Instituto da Lingua Galega para o impulso de labores de investigación. “Queremos seguir traballando co ILG para analizar o uso do galego entre os cidadáns e, especialmente, entre os máis novos”, dixo o mandatario galego, lembrando que este organismo leva décadas estudando o comportamento lingüístico da sociedade.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o novo convenio aprobado destinará ao Instituto de Lingua Galega unha achega de 240.000 euros para desenvolver un programa de actuacións neste 2017 e en 2018, que permitirá tanto completar investigacións en marcha como iniciar outras novas.

Así, neste marco de colaboración ampliaranse, por exemplo: o Inventario Toponímico Galego-Portugués, o Arquivo Galego Oral, o novos volumes do Atlas Lingüístico Galego, ou os traballos das Coleccións Documentais Medievais. E tamén se impulsarán novos proxectos como o Corpus para a análise de dificultades na produción escrita en lingua galega, a través de textos elaborados por estudantado de educación secundaria.

“A inmensa maioría da sociedade galega é consciente de que a nosa lingua é apta para o eido profesional, para o familiar, para os sectores máis dinámicos da nosa economía, para o deporte e para o lecer. Agora o que toca é dar apoio a todas as persoas que desexen empregar a nosa lingua en todos os ámbitos da súa vida”, concluíu o presidente da Xunta.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia