O 82% dos beneficiarios de prácticas profesionais xestionadas pola FUAC comunica a súa inserción laboral tras finalizar o convenio

Para a xestión das demandas de prácticas profesionais en empresas, a FUAC pon ao dispor dos usuarios a plataforma Emplea, a través da cal foron tramitadas un total de 1.606 prácticas durante o pasado exercicio. Tendo en conta que, durante o mesmo período, déronse de alta 1.779 novos usuarios, a porcentaxe de éxito da mediación en canto a sinaturas de convenios de bolsas ascendeu ao 90%. Cabe destacar que, unha vez finalizadas as súas prácticas, o 82% dos beneficiarios das mesmas comunica a súa inserción, xa sexa a través dunha nova bolsa, de autoemprego ou dun contrato laboral.
Ademais da mocidade recentemente titulada en ciclos de Formación Profesional e dos estudantes e egresados universitarios, esta ferramenta online da FUAC, que conta con 18.743 usuarios, tramita as altas de empresas e entidades de acollida que poden publicar tanto ofertas de prácticas como de vacantes laborais. So en 2016, a plataforma Emplea contou con 431 altas de empresas, que se integran así nunha comunidade de 3.006 entidades.
Departamento de Comunicación da Fundación Universidade da Coruña