Ir o contido principal
iniciar sesión

Trap en galego, pop bizarro e garage punk festeiro para musicar o Atardecer no Gaiás desta semana

O trap é un xénero musical emerxente que conta cada día con máis seguidores. Os seus ritmos móvense nos lindes entre o hip hop e o reggaeton e con letras que falan da vida de barrio desde a primeira persoa, sen edulcorantes e desde a autenticidade, e que ten en Boyanka Kostova o primeiro referente en galego.

As composicións e música desta formación compostelá pretenden ser universais e o seus directos amosan unha conexión total co público, nun convite continuo a bailar ao son dos seus ritmos hipnóticos e minimalistas e do seu carismático e singular flow costumista.

O venres tócalle a quenda a unha formación con máis bagaxe musical, Hidrogenesse, pero que seguen a facer alarde das mesmas letras frescas que rachan con calquera convencionalismo. Imposible resistirse ao pop bizarro e ao art-rock electrónico deste dúo inclasificable que levan 18 anos animando as pistas de varios continentes e, nesta ocasión, a pista que se formará na Praza Central no Gaiás. Prolongará a festa, por cortesía da Cantina do Gaiás, unha sesión DJ a cargo de La SinCereza PinchaCumbia.

A fin de festa do Atardecer no Gaiás desta semana vaina pór o garage punk festeiro de Terbutalina. Os do Barbanza son sinónimo de diversión e de bailar. Nisto contribuirá a pinchada posterior do DJ Chus Silva, prevista para a pasada actuación de Músculo! e que tivo que ser aprazada por mor da choiva.

Todas as citas de Atardecer no Gaiás comezan ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 ás 22:45 horas.
Cidade da Cultura de Galicia