600 nadadores de España e norte de Portugal coñecerán a Ribeira Sacra coa II Heroica Gran Premio Deputación de Lugo

Triplo de participantes
Deste xeito, centos de persoas de toda a Península coñecerán a Ribeira Sacra, o seu patrimonio natural, histórico ou vitinícola, pois xa hai case 600 nadadores de España e norte de Portugal inscritos a día de hoxe, o triplo que o ano pasado. Previsiblemente, os participantes virán acompañados polos seus equipos ou familias.
O Deputado de Deportes destacou que “a expectación pola proba é tal que este ano triplicamos o número de inscritos con respecto á primeira edición, o que dá boa conta do traballo ben feito, posto que a maioría dos participantes repetirán experiencia, converténdose en voceiros do patrimonio que atesouramos na Ribeira Sacra. O crecemento da Heroica é espectacular. Dende o Goberno Provincial cremos dende o principio nas posibilidades desta cita, convertendo á Deputación na principal patrocinadora. Cremos que non erramos, que esta proba é un acerto para a provincia”.
Rivera Capón engadiu que “decidimos manter a nosa aposta por este evento, que vai máis aló do puramente deportivo, posto que serán, cando menos, 600 as persoas de toda España e Portugal ás que se achegarán a fin de semana á Ribeira Sacra, acompañados por familiares e amigos, para participar nas probas, pero tamén para coñecer este paraíso natural co que contamos na provincia, desfrutar da nosa gastronomía e dos nosos viños. A Heroica é unha aposta deste Goberno Provincial pola posta en valor dos distintos recursos turísticos e do sen fin de alternativas lúdicas que ofrece a nosa provincia. Porque Lugo, cambia”.
Visita guiada
O Deputado avanzou que durante a xornada haberá unha visita guiada pola contorna para deportistas e acompañantes para descubrir o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra, incluíndo a visita a unha adega para coñecer a viticultura Heroica e a olería de Gundivós para ver como se realizaron os trofeos da proba. O horario é:
- 10:00 horas: Saída de Doade (fronte a La Cantina).
- 10:30 horas: Visita a olería de Gundivós (1 hora aproximadamente).
- 12:00 horas: Visita bodega Regina Viarum (45 minutos aproximadamente).
- 13:00 horas: Volta ao lugar de saída na Praza de Doade.
Competicións
O responsable do departamento de Deportes do organismo provincial explicou que durante a xornada do sábado se disputarán en total catro probas, finalizando todas elas no embarcadoiro de Doade. Os primeiros nadadores en competir, a partir das 16.00 horas, serán os inscritos na competición reina, o Gran Premio Deputación de Lugo, que deberán completar un percorrido de 10.000 metros.
Para iso, subiranse a un catamarán que os levará ata a saída en Rabacallos e, dende alí, botaranse a nadar ata chegar ao embarcadoiro de Doade.
Tras a disputa desta proba, a máis esixente da xornada, celebraranse as competicións de 5.000 metros, 2.500 metros e unha popular de 600 metros, pensada para todos aqueles afeccionados á natación que desexen ser partícipes dunha xornada deportiva en medio dun ambiente único.
Transporte e seguridade
A zona de aparcadoiro sitúase a 5 quilómetros con servizo de microbuses e tren turístico con capacidade para desprazar a máis de 1.000 persoas (deportistas e acompañantes) de forma programada ao lugar da proba evitando colapsos.
Máis de 40 piragüistas velan pola seguridade dos nadadores, e tamén máis de 5 embarcacións a motor, entre elas una de Protección Civil e outra dos Grupos de Especiais de Actividades Subacuáticas da Garda Civil. Tamén colaboran os Clubs de Natación Locais de Monforte e Portamiñá.
Deputación de Lugo