Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC dá a benvida aos estudantes internacionais do curso 2017-2018

Así, pese a que no acto participaron cincocentos estudantes, son case un milleiro os que se incorporarán ás aulas neste curso académico en setembro e 173 no segundo semestre. A xornada comezou cunha recepción institucional no Colexio de Fonseca que presidiu o reitor Juan Viaño e na que participaron tamén a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; e as vicerreitoras de Investigación e Innovación e de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Isabel Rodríguez-Moldes e Dolores Álvarez.

Nese acto o reitor aproveitou para entregaralles un documento acreditativo aos catro cidadáns de orixe siria seleccionados na segunda edición do Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas convocado pola Vicerreitoría de Internacionalización e ás dúas seleccionadas no I Programa de Bolsas para a realización de estudos por parte de estudantes africanas, unha acción realizada coa Fundación Mujeres por África.

O resto da xornada transcorreu nos xardíns do Campus Vida, nos que os novos estudantes visitaron as diferentes mesas dos servizos que a USC puxo á súa disposición xunto con información das asociacións estudantís e empresas de servizos e lecer da cidade. A carpa contou tamén coa participación de estudantes ex erasmus, conmemorando así o 30 aniversario do programa europeo.

Máis de 1.000 estudantes

Aínda que os números definitivos non se coñecerán ata novembro, co peche das diversas convocatorias de mobilidade, as cifras máis actualizadas indican unha chegada de case 900 estudantes de máis de 40 países para os programas de grao e máster ofertados pola USC. O 74% deles chegan este ano a través do Programa Erasmus e Erasmus Mundus, destacando unha vez máis a forte presenza da comunidade italiana (138 estudantes), seguidos por Alemaña, e Reino Unido. Unha boa parte deles estudarán na Facultade de Filoloxía, a preferida xunto coas de Dereito, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Económicas e Empresariais.

0 26% restante chegan á USC mediante convenios bilaterais de intercambio, onde tamén novamente repiten México e China como principais países emisores cunha representación superior ao centenar de estudantes desas nacionalidades. Brasil, Chile, Arxentina, Colombia, Corea, Perú, Rusia, Uruguai, Xapón, Venezuela e Vietnam son exemplos doutros países de orixe aos que este ano se suman Madagascar e Guinea. Unha parte importe deste alumnado selecciona o Campus Terra como destino, concretamente a Escola Politécnica Superior e as Facultades de ADE e Veterinaria, sendo en Compostela as facultades máis solicitadas Filoloxía, Medicina e Odontoloxía e Económicas e Empresariais.

A estas cifras hai que sumarlles tamén 85 estudantes de máster e 8 de grao que chegan á USC a través do Programa de Atención a Estudantes Extracomunitarios (PATEX), un novo protocolo de información, xestión e apoio que ten como obxectivo unha atención personalizada, integral e específica para ese colectivo.

No caso do doutoramento, á USC chegan este ano 592 doutorandos internacionais dun total de 7 países, sendo a maioría de Portugal, Ecuador e Brasil.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)