Ir o contido principal
iniciar sesión

O Pazo de San Marcos de Lugo acolle o I Foro Galego de Deporte e Comercio Xusto

A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, o Presidente de FADAS, Gerardo Castedo Valbuena, e o Responsable Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero Méndez inauguraron este martes o I Foro Galego sobre Deporte e Comercio Xusto no Pazo de San Marcos. Trátase do evento que organiza o Taller de Solidariedade, coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo dentro da súa posta conxunta por promover e impulsar os novos hábitos de consumo que veñan directamente da man de alternativas de consumo diferentes e responsables.

Sonsoles López avanzou “que esta cita é unha oportunidade para sensibilizar e educar co obxectivo de concienciar acerca das opcións de consumo responsable, Comercio Xusto e da perspectiva de equidade de xénero que todo elo leva asociado”.

O I Foro Galego de Deporte e Comercio Xusto que está enmarcado no proxecto Adestro Conciencia é un proxecto que xurdiu xuntando os conceptos de Comercio Xusto e Educación para o Desenvolvemento no que o deporte é usado como ferramenta para a sensibilización e educación. Actualmente se desenvolve en catro cidades galegas (Lugo, Ourense, Vigo e Lalín), sete centros educativos e oito Escolas Deportivas Municipais tendo máis de 1.000 participantes sendo 300 deles lucenses. Son dez actividades deportivas coas que axudan a acercar o consumo responsable e o Comercio Xusto aos máis novos, desde un enfoque da igualdade de xénero. Todo isto acompañado por un estudio sociolóxico inicial con liña de base e unha actividade final de presentación de resultados do mesmo a través deste Foro Municipal.

5 Centros e Clubs lucenses

Foron 5 centros e clubs da provincia participantes neste primeiro Foro Galego de Deporte e Comercio Xusto que organiza o Taller de Solidariedade. Os centros son os seguintes: Colexio Plurilingüe San Xosé, IES Leiras Pulpeiro, Centro Educativo Galén, Club Deportivo Ensino-Porta XI e Club Cidade de Lugo Baloncesto.

Desenvolvemento da xornada

A xornada contou cunha mesa de relatorios da man da Responsable de Sensibilización, Rocío Fernández Reviño, a Xornalista deportiva e Ex. deportista de elite, Alba Ada Lameiras e a Coordinadora da Campaña Roupa Limpa, Fernanda Couñago Otero, na que se reflexionou sobre a importancia do deporte, a sensibilización e a educación para o desenvolvemento como ferramenta para concienciar sobre o Comercio Xusto, o consumo responsable e a igualdade de oportunidades. O encargado de moderar a mesa de debate foi o coordinador das escolas de Baloncesto do Pavillón Ourense e ex. coordinador do Comité de Voluntariado de Taller de Solidariedade nesta cidade, Rafael Manuel Fernández Alonso.

Durante o Foro participou o profesor dun dos centros educativos lucenses e Presidente do Club de Rugby de Lalín. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera e o coordinador do Taller de Solidariedade, Rafael Veiga de Diego foron os encargados de poñer fin a esta cita na clausura da xornada.
Deputación de Lugo