Ir o contido principal
iniciar sesión

Elman, Tunduru, The Soul Breakers e LOLA, grupos gañadores do XX Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM

O certame alcanzou este ano unha cifra récord no importe en metálico dos seus premios, cun total de 4.200 euros. Puideron participar bandas e solistas de todo o estado español cun máximo de 15 cancións propias editadas. En total, foron presentadas máis de 100 maquetas. Como ven sendo habitual nas últimas edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, as catro bandas galegas gañadoras -Elman, Tunduru,The Soul Breakers e LOLA- actuarán na Praia de Riazor como teloneiras dos cabezas de cartel do festival. Entre elas, a banda coruñesa Tunduru alzouse, ademais, co Premio á Mellor Banda Local, que ten unha recompensa en metálico de 700 euros.

Para emitir o seu verdicto, un xurado composto por non menos de cinco profesionais do mundo da música e socios e socias da emisora Cuac FM valorou, entre outros aspectos, a calidade das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico. No concurso, como xa é tradicional dende a súa primeira edición, puideron participar bandas de todo o Estado, pero as de fóra de Galicia non entraron na selección
do Noroeste e irán directamente á Batalla de Bandas, que este ano terá lugar o sábado 6 de outubro na Sala Mardi Gras da Coruña, onde se repartirán outros 1.400 euros en premios.

Os e as gañadoras da pasada edición do Concurso de Cuac FM que participaron no 31º Festival Noroeste Estrella Galicia foron o grupo de punk guitarreiro The Riggos, a cantautora coruñesa Cia Campillo, a banda de trap Boyanka Kostova e o conxunto de rock Eager Platypus. O obxectivo do concurso é, un ano máis,"fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local”.

CATRO NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

ELMAN. Elman naceu en A Coruña en 2017 co encontro de Keenan Elman (guitarra e voz, Estados Unidos), Cristóbal Castro (batería, Chile) e Gabriel Davila (baixo, España). Cada un dos membros do grupo aporta as súas propias estéticas musicais e unha dilatada experiencia forxada durante anos en diferentes proxectos musicais. É por iso que o son de Elman abarca un amplo espectro de estilos, desde o grunge dos 90, pasando polo rock contemporáneo, ata toques de hip hop. A súa intención é transmitir todo tipo de sentimentos, e a música preséntase como a ferramenta perfecta para logralo. Cando? Venres 10 de agosto, ás 20.00 horas, na Praia de Riazor.

TUNDURU. No verán de 2014, tras un encontro predestinado entre Dis e Rod the Coach, nace unha poderosa maquinaria de rock elegante baixo o nome de Tunduru. A guitarra incendiaria de Dis e a salvaxe enerxía vocal de Rod complétase cunha das bases rítmicas máis potentes que se recordan por estas latitudes, da man de Castor (baixo) e Óscar (batería). A banda de power rock Tunduru é unha aposta ao cabalo gañador, pola veteranía convertida en eficacia e polos temas rotundos e uns estribillos que buscan converterse en auténticos himnos. A bagaxe musical dos seus compoñentes (que antes militaron en formacións como Sister Moon, Minapolaris, Thee Virus, Rockers Go to Hell…) define a Tunduru como unha auténtica banda de directo. As súas influencias son interminables, pero queda claro que no seu rock de alta voltaxe conflúen o punk rock de grupos como Dictators, o R’nR high energy de Gluecifer e Hellacopters, os primeiros Kiss, Rory Gallagher e o hard rock dos 70. Como eles mesmos afirman, Tunduru é “contundencia, elegancia e rock con maiúsculas”. Cando? Venres 10 de agosto, ás 21.00 horas, na Praia de Riazor.

THE SOUL BREAKERS. The Soul Breakers é unha banda que aúna swing, funk, soul, rhythm & blues e rock para ofrecer un son intenso nun directo dinámico, capaz de transmitir ao público toda unha amalgama de emocións a través das súas composicións. Os seus compoñentes, con amplas traxectorias dentro do mundo da música, reuníronse para dar renda solta a un proxecto común cheo de forza, expresividade e matices, a través dun intenso e variado repertorio. Bea Mazaira á voz, Juan Pablo Charlo á guitarra, Andrea Pérez ao saxo, Ricardo Ferreira ao baixo e Xito Outeiro á batería forman esta nova banda que quere disfrutar da música, compartila e non deixar indiferente a ninguén. Cando? Sábado 11 de agosto, ás 20.00 horas, na Praia de Riazor.

LOLA. LOLA nace en 2018 da man de Yolanda Martínez, Guillermo Vistoso, Diego Salgado, Manu Rey e Enrique Otero, músicos de longas traxectorias que antes formaron parte de conxuntos de referencia como Heredeiros da Crus, Banda Crebinsky ou Mojo Experience. A súa proposta musical aséntase nun rock enérxico, cun repertorio composto por cancións propias que van desde os sons máis clásicos dos anos 70, ata o pop rock actual máis irresistible. LOLA encóntrase neste momento no proceso de composición e gravación dos temas que formarán parte do seu primeiro disco. Cando? Sábado 11 de agosto, ás 21.00 horas, na Praia de Riazor.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN.

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 80 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos osrecunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Ángel Stanich, Aullido Atómico, Aurora & The Betrayers, Bea a de Estrella, BFlecha, Capsula, Carla Green & The Demons, Christina Rosenvinge, Dona Rosa, Dorian Wood, Elman, Escuchando Elefantes, Glitchgirl, Group A, Hexany, Honeymoon Disease, James Holden & The Animal Spirits, Kabbalah, La Plata, Laetitia Sadier Source Ensemble, LOLA, Marem Ladson, Maria Arnal i Marcel Bagés, Maria del Mar Bonet, Mordem, Morgan, Mueran Humanos, Nathy Peluso, Neneh Cherry, Oh!Mega, Playa Desmayo, Rocío Márquez, Roy Ellis, The Big Lis Gumbo Band, The Devils, The Lákazans, The Limboos, The Soul Breakers, Tunduru, Wondermind e ZA!

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia.Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará sero reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luís Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncosoe o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias enovas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal) e o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se podegozar na cidade que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Ademais, o festival contará co apoio de Cuac FM e Desconcierto Cultural.
Festival Noroeste Estrella Galicia