Ir o contido principal
iniciar sesión

Convocada a XI edición do Premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

O Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) e o Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL) son patrocinadores do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

Requisitos e prazos

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 02 de outubro.

Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún https://www.mancomun.gal/premiopfc. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

Plan de Software Libre da Xunta

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2018 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio, que vai pola súa XI edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar poñendo en valor o traballo que realizan os universitarios galegos durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia