Ir o contido principal
iniciar sesión

'Vive o Camiño' arranca no Rosal con contacontos e concertos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa

A primeira parada de Vive o Camiño, no concello do Rosal, incluirá a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués a cargo de Anxo Moure que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea. Será a partir das 20,00 horas e estará acompañado pola música en directo de Servando Barreiro. A continuación, ás 21,30 horas será a quenda de Najla Shami dúo, con Camiños de culturas que inclúe orixinais mesturas entre música galega e outras de sons africanos, brasileiros e mesmo co jazz. Os espectáculos celebraranse na explanada do horizonte (Portocelo) e, en caso de choiva, trasladarase á Praza do Calán (San Xián 7, baixo a carpa).

Tras o Rosal, a programación prevista para a vindeira semana ao abeiro de Vive o Camiño incluirá o concello de Oia o mércores 1 de agosto coa proposta dos contacontos O Camiño que camiña con nós, de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, a partir das 21,30 horas na eira do convento de Santa Mª de Oia. A partir das 22,00 horas actuará no mesmo escenario Najla Shami dúo. En caso de choiva celebraranse no centro sociocultural de Pedornes. O xoves 2 de agosto, o concello de Dodro acollerá os espectáculos de Anxo Moure ás 20,00 horas e de Najla Shami dúo, a partir das 21,00 horas. No CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.

Exposición da ruta xacobea

O calendario de Vive o Camiño estenderase ata o vindeiro mes de setembro e incluirá os concellos de Porriño, Nigrán, Baiona, Mos, Valga, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Caldas de Reis, Tui, Portas, A Guarda, Pontecesures, Padrón, Rois, Teo e Ames. En total programaranse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo artístico. Estas accións irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.
Vive o Camiño