Ir o contido principal
iniciar sesión

O Galego Campa leva as súas actividades a quince campamentos durante o verán

A sétima edición do programa chegará, do 26 de xullo ao 13 de agosto, a case 1500 rapaces e rapazas participantes nos campamentos de Vilanova de Arousa, Forcarei, Bueu, Boiro, Sada, Bergondo, Melide, Portomarín, Ribadeo, Palas de Rei, Entrimo, Manzaneda, Muíños e A Mezquita. Hoxe as actividades desenvolvéronse no campamento Aventura na Estación do Albergue Viravella (A Mezquita); mañá será a quenda dos campamentos Aventura nas Mariñas e Actividades no mar, dos albergues xuvenís Mariña Española (Sada) e Gandarío (Bergondo), respectivamente. O luns 6 de agosto, acolleranas os campamentos Manzaneda Alta Montaña e Ven explorar con nós, de Manzaneda Estación de Montaña e do Complexo Turístico do Corgo. O calendario completo de actividades pódese consultar no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

As intervencións nos campamentos e a entrega ao monitorado de materiais en galego complétanse coas fichas e propostas do Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso para educadores e educadoras e para calquera outra persoa interesada. Os criterios para a escolla das actividades e das dinámicas que integran o repositorio foron o interese educativo, a variedade de temáticas, a aplicabilidade a grandes grupos en contexto de campamento e o peso da expresión oral no conxunto da actividade.

Escoita activa, argumentación e cidadanía global en galego

Na liña do ano 2017, esta edición de O galego campa! xira arredor das temáticas de cidadanía global en galego e habilidades de escoita activa e argumentación. Cidadanía global porque se traballarán en galego valores que abran fiestras ao mundo. Escoita activa, expresión oral e argumentación para mellorar a capacidade e a seguridade dos adolescentes de expresarse na lingua propia de Galicia e mesmo en calquera outra. Cada sesión, de dúas horas de duración, terá tres partes: unha introdutoria, que sirva para favorecer a escoita; unha actividade principal, na que se irá creando colectivamente unha historia mediante debates de grupo en plenario, e un remate a modo de avaliación no que os participantes se poidan expresar con liberdade.

A actividade central, titulada "A longa viaxe", consiste en situar os participantes ante un dilema que moitas persoas do mundo que viven en lugares en conflito atopan cada día: seguir resistindo as condicións cada vez máis duras do país ou abandonar casa, familia e o mundo que se coñece por outro que non se viu para intentar saír adiante. Mediante escollas consensuadas tras os pertinentes debates, cada grupo deberá poñerse no lugar da xente que se enfronta a esta disxuntiva e ir tecendo a súa propia historia.

Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade

Os obxectivos xerais de O galego campa! están en consonancia cos recollidos no documento estrutural básico do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, un plan que está elaborando a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A finalidade última deste programa é promover a galeguización lingüística das actividades educativas de tempo libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara á lingua galega por parte de mozas, mozos, educadoras e educadores.

Para iso, ofrécense actividades de dinamización que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos campamentos, propostas educativas que favorezan a reflexión e a anovación metodolóxica de programas entre os equipos de profesionais que traballan na campaña de verán e intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.
Secretaría Xeral de Política Lingüística e Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado