Ir o contido principal
iniciar sesión

As artes escénicas de Galicia daranse cita na XXIX edición do Festival de Teatro Galego de O Carballiño

A Deputación de Ourense colabora con este evento cultural "referente da cultura e do teatro galego ao ser o festival máis antigo da comunidade, que un ano máis presenta un completo programa de actividades", destacou Manuel Doval.

A programación desta edición do Festival desenvolverase en tres localizacións do municipio: o Anfiteatro, a Casa da Cultura e o Auditorio. No anfiteatro as actuacións terán lugar ás 19.30 horas e comezarán o mércores, 22 de agosto, coa obra "Totum Revolution" da compañía Vueltos de Rosca. Ao día seguinte, será a quenda para a compañía Pistacatro coa obra "A vida tola" e o venres, 24 de agosto, actuará a compañía Duelirium coa obra "O que queda por chover".

As representacións teatrais que acollerá o Auditorio serán o mércores, 22 de agosto, a obra "Loló e Mamá" da compañía Destexeito; a obra "Elisa e Marcela" da compañía A Panadaría será o xoves 23 de agosto; e a obra "Chola a it girl" da compañía Artesa Teatro pechará o Festival o venres, 24 de agosto, coincidindo coa gala e entrega dos premios FETEGA "Dorotea Bárcena". Tódalas actuacións terán lugar ás 22.30 horas.

O programa de actividades complétase con animación na rúa, un obradoiro e unha mesa redonda que abordará o pasado, o presente e o futuro das mulleres na escena galega. A entrada será de balde para tódalas actividades, agás para as actuacións teatrais que teñen lugar no Auditorio, que teñen un custe de 10 euros.
Deputación de Ourense