Ir o contido principal
iniciar sesión

Axudas para que universitarios sen emprego cursen másters oficiais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia destina un total de 200.000 euros, a mesma cantidade que en anos anteriores, a estas bolsas. A contía de cada axuda individual cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos para a prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do SUG. En función do tipo de máster que curse o beneficiario o importe máximo de axuda a conceder será de 1.881,60 € e o mínimo de 591 €.

Para solicitar a axuda as persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 e estar matriculadas no curso académico 2018/2019 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.

Criterios de selección

A selección das solicitudes que cumpren os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo á orde de prelación indicada na convocatoria. Deste xeito, en primeiro lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e non teñan outra titulación de máster oficial; e, en segundo lugar, as que leven máis días incritas e xa teñan outra titulación de máster oficial.

En terceiro lugar, contemplaranse as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia non acadando os 180 e non teñan outra titulación de máster oficial; en cuarto lugar as que xa posúan un título de máster.

En caso de empate entre dous ou máis solicitantes procederase ao desempate atendendo á maior antigüidade na data de obtención do título que lle dá acceso aos estudos de máster universitario, para o que se terá en conta o mes e ano no que superou os estudos conducentes ao mencionado título.

A convocatoria pode consultarse en: (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180822/AnuncioG0164-090818-0002_gl.html )
Consellería de Cultura, Educación e O. Universitaria