Ir o contido principal
iniciar sesión

En proceso o Galician Bizarre 3, recopilatorio da música galega subterránea

Seis anos despois do segundo volume, o movemento reactívase e arrinca a campaña de financiamento do Galician Bizarre 3, un álbum que agrupará cancións de 17 artistas e bandas galegas, case todas elas inéditas, e que xa recadou máis de 1.600 euros nos seus dez primeiros días de crowdfunding na plataforma Verkami.

O disco, cunha portada deseñada polo artista vigués Óscar Raña, funciona como testemuño da riqueza e variedade que fan do underground galego actual un fervedoiro de creatividade. Así, entre os proxectos que participan hai pop lo-fi, trap, neopsicodelia, punk, post-grunge ou electrónica, con enfoques de todo tipo e un peso cada vez maior da lingua galega. Algunhas das bandas, como Bifannah, Jay, Selvática ou Puma Pumku, recuperan e actualizan os sons psicodélicos. Outras exploran diversas vertentes da electrónica, como é o caso de Pálida, KADETTGSI ou Pantis, que tamén ten un marcado espírito pop compartido por bandas como Dois, Atrás Tigre, Oh Ayatollah, Estrambote ou Esposa, algunhas cun punto intimista, outras con letras máis surrealistas. O carácter punk, non exento de melodías memorables, está presente tamén nas cancións de Lamprea Explosiva, Travesti Afgano e Contenedor de Mierda, con Bulto representando o extremo máis agresivo do recopilatorio.

A variedade estilística é tamén no disco unha variedade xeracional, con músicos e músicas que xa estaban presentes en bandas do primeiro volume como Indómitos ou Metralletas Lecheras e persoas que daquela estaban no colexio ou o instituto e agora representan a renovación do Galician Bizarre, como Oh Ayatollah ou Lamprea Explosiva. Do espírito inicial pervive a vontade de reivindicar a importancia do local: estando na periferia da periferia a nivel cultural e lonxe dos cartos da gran industria musical, estas bandas galegas aportan maneiras de facer propias e orixinais, autoorganizándose e superando calquera tópico.

A campaña para financiar o Galician Bizarre 3 continuará aberta ata o 22 de outubro, aceptando aportacións dende os 5 ata os 1.000 e ofrecendo como recompensas, ademais do disco, camisetas e mesmo a posibilidade dunha breve visita guiada pola "Galicia bizarra". En paralelo, o Galician Bizarre vén tamén de lanzar un blog que recolle o pasado e o presente do movemento en entrevistas e artigos e prepara concertos de presentación.
Galician Bizarre