Ir o contido principal
iniciar sesión

Uns 200 alumnos cursarán por primeira vez este ano o Stembach, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución definitiva dos centros seleccionados, a razón de 6 na provincia da Coruña, que aglutinan 80 alumnos; 3 en Lugo, con 37 alumnos; 1 en Ourense, con 19 alumnos; e 4 na provincia de Pontevedra, que suman 63 alumnos.

O alumnado que curse este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades ou na de Ciencias-, no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.

Así mesmo cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.
Consellería de Educación