O Big Data e a tecnoloxía innovadora para o desenvolvemento de fármacos protagonizan os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Insitu Enxeñería. Esta spin-off luguesa, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Universidade de Vigo en 2008, desenvolveu un sistema para a xestión das infraestruturas do transporte a partir de información xeorreferenciada de alta densidade e en formato tridimensional. A ferramenta resultante permítelle a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc.
A tecnoloxía transferida foi obxecto da tese doutoral de María Varela, actual responsable de innovación da empresa. Esta tese, defendida na Universidade de Vigo, foi a primeira do Sistema Universitario Galego distingida coa “mención industrial”, reservada a aqueles traballos de investigación que acreditan unha conexión directa de transferencia á industria.
O software de Insitu opera no ámbito do Big Data, xa que é capaz de procesar enormes volumes de datos de carácter xeoespacial capturados sobre grandes infraestruturas de transporte a partir de sensores móbiles láser e de imaxe. As técnicas Big Data permiten procesar os datos de xeito automático para ofrecérllelos aos usuarios de maneira sinxela, visual e intuitiva, co obxectivo de facilitar a toma de decisións sobre a planificación e a optimización dos recursos nas vías.
A tecnoloxía premiada fai posible unha xestión máis eficiente das vías de transporte grazas á dispoñibilidade de información fiable e de alta calidade, ademais de supoñer a redución de custos na captura e na xestión da información, así como o aumento da seguridade dos traballadores sobre o método tradicional de recollida de datos. Ademais, está a permitir a posta en marcha de proxectos innovadores en contornos urbanos, facilitando a súa xestión e aumentando a calidade dos servizos á cidadanía.
Na actualidade, o software está sendo utilizado por administracións públicas e grandes empresas españolas e fixo posible a saída de Insitu ao mercado exterior. A comercialización da tecnoloxía galardoada permitiulle á empresa quintuplicar a súa facturación e pasar de 20 a 30 traballadores no prazo de dous anos.
Máis preciso, rápido e eficiente
O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos membros do equipo, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago.
O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun microsensor de temperatura ultrasensible que optimiza a identificación e caracterización dos intercambios de calor propios dos procesos químicos e biolóxicos. O seu novo sensor, bautizado como ANTS, ten como principais aplicacións o desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos, xa que permite obter información moi precisa sobre procesos de interese biolóxico.
As principais vantaxes que o dispositivo premiado presenta son un tempo de resposta menor a un segundo e o seu reducido tamaño (da orde de micras), o que permite realizar múltiples probas de modo simultáneo. Ademais, a adopción da nova tecnoloxía por parte dos usuarios é sinxela. Segundo os investigadores, a extensión desta tecnoloxía ofrecería novas alternativas na caracterización rápida e fiable de moléculas de interese farmacéutico.
O proxecto levouse a cabo co financiamento do programa de proba de concepto do European Research Council (ERC) e deu lugar a unha patente internacional. Os seus promotores buscan agora asinar un contrato de transferencia entre a USC e unha compañía líder neste ámbito.
Mención especial a pescaenverde
O xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía decidiu outorgar unha mención especial na categoría de investigación aplicada ao proxecto de ecoetiqueta “pescaenverde”. O equipo formado por Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira, Ina Vázquez e Pedro Villanueva, do Departamento de Enxeñería Química da USC, foi distinguido polo desenvolvemento dunha ecoetiqueta que lle achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros que adquire teñen sobre o medioambiente.
A marca de garantía pescaenverde ten asociado un software que calcula a pegada de carbono de todas as actividades asociadas á captura e transporte do peixe, de maneira que as empresas do sector poden transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos. Tamén mide a taxa de retorno enerxético, que establece a relación entre a a cantidade de enerxía calórica subministrada polo peixe e a requirida para a súa posta en circulación ata a que chega ao consumidor.
A ecoetiqueta, patentada a nivel internacional, foi incorporada por primeira vez o pasado mes de xullo na lonxa de Portonovo, certificando a sustentabilidade dunha partida de pescada. A día de hoxe é a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que cuantifica o impacto no cambio climático.
Growcom