Ir o contido principal
iniciar sesión

O proxecto 'Tecnólogo por un día' achegará as profesións TIC aos máis novos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre hoxe o prazo de inscrición de Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para reducir a fenda a demanda e a oferta de perfís profesionais dixitais en Galicia.

As 65 prazas dispoñibles nesta edición asignaranse aplicando o resultado dun sorteo considerando as preferencias dos participantes e, posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto con eles para concretar a data e o horario da xornada que resulte conveniente para ambos.

Visitas a preto de 20 centros de traballo

Unha vez rematado o período de inscrición, as visitas ás empresas desenvolveranse entre o 18 de febreiro e 22 de marzo, datas nas que se acollerá nos 19 centros de traballo das empresas colaboradoras aos 65 participantes que resulten seleccionados nesta edición. Ao longo destas xornadas o alumnado participará directamente das actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.

Incremento dun 71% das prazas

Tecnólogo por un día comezou este curso 2018/19 cunha gran acollida, rexistrando máis de 100 solicitudes de inscrición de máis de 20 centros educativos distintos. O alumnado participante na primeira edición tivo a oportunidade de coñecer de cerca a aplicación das TIC en sectores como a administración, a educación, a industria ou o transporte, entre outras.

A valoración recibida por parte destes rapaces apunta a que o seu grao de satisfacción coa actividade foi moi alto. Todos volverían a repetir a experiencia e máis do 85% considera que participar na actividade lle ten axudado a aclarar as súas dúbidas vocacionais.

Así, debido a esta boa acollida e o interese espertado, a Amtega xunto co sector TIC galego traballaron conxuntamente para incrementar as prazas nunha segunda edición do programa, ampliando a oferta nun 71%.

Nesta ocasión, repiten experiencia as organizacións que xa se implicaron no seu comezo Altia, everis, Televés e a propia Amtega, e cóntase coa participación de 11 novos colaboradores: Coremain, DXC Technology, Orange, R, Sivsa e os socios do Clúster TIC Galicia 3.14 Financial Contents, Aldaba, Cinfo, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.

Un Plan vivo

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan vivo e conectado coa realidade galega en canto á xeración e retención do talento vinculado á economía dixital.

Este Plan articúlase a través dun catálogo, de máis dunha trintena de actuacións que abranguen todo rango de idades, no que colaboran coa Amtega todos os axentes do ecosistema dixital destacando a implicación das empresas asinantes do Pacto Dixital que lideran integramente unha ducia destas actuacións.

Catálogo de actuacións DigiTalent

O catálogo de actuacións DigiTalent está dispoñible no espazo web, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas. Catro meses despois do seu lanzamento a principio deste curso 20 actuacións xa se puxeron en marcha ou están listas para activarse e reforzouse con 4 novas iniciativas que contribúen aos obxectivos do Plan DigiTalent.
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia