Ir o contido principal
iniciar sesión

O Lubicán lembra este xoves en Lugo a figura e a música de Narf nunha emotiva homenaxe póstuma co espectáculo ‘Encontrarte’

O concerto de apertura do Lubicán 2019, un dos ciclos promovidos ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, reunirá de novo na capital luguesa a amigos de Narf, non todos, pero sí unha ducia de músicos, intérpretes e creadores chegados de aquí e de acolá, pero aos que une o aprecio á persoa e a admiración pola música de Narf.

O espectáculo ‘Encontrarte, o Lubicán de Narf’, organizado desde a Área de Cultura da USC no campus de Lugo, traerá de novo á actualidade algunhas das vellas creacións e melodías que Fran Pérez Narf levou por medio mundo. O elenco de artistas integrado por Uxía, Sérgio Tannus, Marcos Teira, Iria Estévez & Gonzo Piña, García Mc. Brais Morán, Alejandro Vargas, Adrián Costa e Sergio Zarraeta, será os encargado de poñer voz e harmonía á pegada musical de Narf, nunha actuación de seguro salpicada tamén de cancións homenaxe.

Alén da música, ‘Encontrarte, o Lubicán de Narf’ integra tamén nunha mesma sesión a poética, da man do lugués Lois Pérez, así como a videocreación, capítulo do que se encargará Xavier Belho, coa proxección dunha escolma de imaxes e de momentos significados na vida de Fran Pérez.

O concerto de apertura do Lubicán de 2019 é de entrada libre e de balde para todo o público interesado, do mesmo xeito que todas as actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural.
Universidade de Santiago de Compostela