A mostra ‘Cosmoloxías’ inaugura o proxecto ArtLAB do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

‘Cosmoloxías’ componse dunha serie de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky (Bos Aires, 1972) que evocan os mapas reais que tentan explicar a súa orixe mediante grandes pregos de papel entretecido e discos perforados. A obra visual desta artista plástica arxentina residente en Cidade de México articúlase nunha poética da cartográfica onde conflúen a súa historia e herdanza migrantes, en obras minuciosas e sutís. Utiliza a xeometría como linguaxe primordial, estruturando as súas pinturas en grandes pregos de papel tecidos, pregados ou perforados en forma de discos, mapas e partituras. Traballa con espazos reticulares e redes curvas que aluden a espazos infinitos, propiciando un diálogo interdisciplinario que permita os entrecruzamentos de arte e ciencia.
Dubrovsky presentou o seu traballo en numerosas exhibicións, entre elas a Bienal da Habana (Cuba), coa exposición Cartografías Satelitales, así como na Bienal de Curitiba e a Bienal de Cuenca. A súa obra Mapas de la alteridad espúxose no Palacio Exipto de Lisboa e no Centro Pére Prune de Barcelona, ademais de no Instituto de Cultura de México en Viena e Madrid. Outras obras destacadas que itineraron por centros de arte internacionais foron Vuelo de Cronos (Museo Universitario del Chopo, México), Universos Progresivos (Galería Puerta Roja, Hong Kong) e World Maps (Galería Couturier, Los Ángeles). Na actualidade, desenvolve o proxecto Un espejo de agua para las estrellas para o xardín botánico de Oaxaca, en México.
Coloquio entre ciencia e arte
Á mostra, que poderá visitarse ata o 15 de marzo, súmase un coloquio entre a artista e distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia que acollerá o Centro ABANCA Obra Social o 6 de marzo ás 19:30 horas. Participarán o escritor Agustín Fernández Mallo, o físico e pintor David Crooks, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, o físico José Edelstein e a cantante Uxía, e a moderadora do encontro, a xornalista Ainhoa Apestegui.
Universidade de Santiago de Compostela