A Asesoría Xurídica da Xunta avala esixir o cumprimento do calendario de vacinas para acceder ás escolas infantís públicas

Neste informe recálcase que neste asunto é prioritaria a protección da saúde dos menores, tal e como recoñece o artigo 43 da Constitución española e que non se conculca de ningún xeito a liberdade ideolóxica, relixiosa ou de culto das familias, protexida polo artigo 16 da nosa Carta Magna.
O escrito avala a esixencia da vacinación para acceder a unha escola infantil baseándose en sentenzas dos Tribunais Superiores de Xustiza de Cataluña e A Rioxa, entre outras. Ademais, pon de manifesto que as comunidades autónomas de Estremadura e Castela e León xa requiren o calendario de vacinación para formalizar a matrícula. A nivel internacional, o informe xurídico cita os exemplos de Francia e Italia, que introduciron esta obriga ao longo dos últimos anos, mentres que os Países Baixos están estudando facelo.
Así mesmo, este informe recolle a postura favorable dos profesionais sanitarios, a través da Comisión Central de Deontoloxía da Organización Médica Colexial e da Rede Galega de Investigación Pediátrica.
O obxectivo da medida é avanzar na concienciación das nais e pais sobre a necesidade de inmunizar ás súas fillas e fillos ante posibles contaxios. Trátase de velar polo ben común dos menores protexéndoos de calquera enfermidade e garantir a inmunidade do grupo.
Consellería de Política Social