Ir o contido principal
iniciar sesión

Ourense inicia o 'Ourensexove', un programa de lecer creativo, saudable e gratuíto dirixido á mocidade

Ourensexove nace co obxectivo de promocionar o lecer saudable dende o ámbito municipal, instalar ou modificar pautas que fomenten o desenvolvemento persoal e a creatividade, así como o de ofrecer espazos públicos e actividades para un lecer activo e positivo. Outro dos obxectivos é o de pór en valor e dinamizar o Espazo Lusquiños como lugar de encontro.

Así, entre as propostas do Ourensexove atopamos aero-ioga, defensa persoal, xestión emocional ou 'Patinando pola cidade', en horario nocturno, entre outras. Tamén gañan peso nesta programación as actividades musicais: coidado e uso da voz, a batería nos diferentes estilos de música (pop, rock, latina, jazz), cursos de Dj, como preparar un cásting (impartido por Diana Tarín, finalista do programa LaVoz) ou o 'Culture Spot', que consiste na práctica activa do inglés a través de xogos, gastronomía ou música. Tamén se prevén dous torneos, de mesa e de vídeoxogos, para fomentar a participación colectiva.

As actividades realizaranse en diferentes zonas da cidade: Espazo Lusquiños, El Taller,Cruz Vermella, rúas e prazas da cidade, e para inscribirse é preciso entregar a ficha de inscrición que se poderá atopar no web Ourense.gal - Concellería de Xuventude a través do enderezo de correo electrónico xuventude[arroba]ourense.es. O prazo de inscrición comeza o martes día 2 de abril ás 9:00 horas, e a admisión será por orde de entrada ata cubrir prazas.
Concello de Ourense