Ir o contido principal
iniciar sesión

Máis de 1000 estudantes e 200 docentes participan no VII Rally Científico Matemático

Os cinco equipos gañadores asistirán en maio á final internacional de Toulouse, cuxo Rallye mathématique sans frontières ten máis de 25 anos de traxectoria e onde os estudantes galegos adoitan obter excelentes resultados.

Entrega de Premios

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou este mediodía, na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na entrega dos premios da final galega do VII Rally Científico Matemático, que organiza a Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, xunto a Consellería de Cultura e Turismo.

Valentín García expresou a súa satisfacción pola “masiva participación do alumnado galego nesta proba científica e matemática que se celebra en galego, o que é unha mostra de que a formación en lingua adquirida polos nosos estudantes en colexios e institutos os capacita e fai sentir seguros para usar este idioma en calquera ámbito do coñecemento”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto de entrega dos premios Pedro Rodríguez Dafonte, vicedecano da Facultade de Química; Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, e Inés Ben González, secretaria da mesma institución.

O Rally Científico Matemático organizado por Igaciencia é unha das probas científicas para alumnado da ESO de maior participación en Galicia. Na súa sétima edición interviñeron 1016 alumnos adestrados e apoiados por 200 docentes, dos que só 120, pertencentes a 15 centros educativos e acompañados de 30 profesores e profesoras, chegaron á final galega celebrada hoxe.
VII Rally Científico Matemático