Ir o contido principal
iniciar sesión

A sostibilidade, eixo das V xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

A xornada enmárcase ademais nos esforzos da Universidade de Santiago de Compostela por divulgar e facer efectiva a Axenda 2030 con especial compromiso co ODS 4 centrado na educación.

O evento desenvólvese este martes na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) e continuará os días 12 e 23 de abril na sede do Campus Norte, con dúas intervencións dirixidas ao alumnado do Grao en Educación Primaria.

O relatorio inaugural correu a cargo de María José Bautista-Cerro, membro da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sostible da UNED, profesora do Departamento de Teoría da Educación e Pedagoxía Social da mesma universidade e coordinadora do grupo de traballo de Sostibilización curricular da CRUE-Sostibilidade.

Conflúe na proposta o peche do proxecto de investigación ‘A ED na formación dos profesionais da educación. Estudo de caso: as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación da USC’. A iniciativa parte da idea de que o alumnado e o profesorado son elementos fundamentais na xeración dun novo modelo comprometido cos dereitos de todas as culturas e de todas as persoas, coa xustiza e a igualdade de oportunidades, con especial incidencia na infancia. O profesorado é ademais un elemento multiplicador, especialmente na educación superior na que se forxan os perfís profesionais e a cidadanía do futuro. No caso das titulacións de educación, o efecto é exponencial xa que a formación de docentes espalla o impacto da EDCG.

A actividade aglutina diferentes experiencias e propostas de intervención no ámbito da EDCG, algúns deles financiados por Cooperación Galega, coma a propia CME ou o Plan Proxecta. Ademais, varios dos obradoiros que se propoñen na quenda de tarde serán liderados por alumnas do 3º curso do Grao en Educación Social participantes nun dos proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) recoñecido pola USC como innovación docente.

Campaña mundial

A Campaña Mundial pola Educación é unha coalición internacional presente en máis de 124 países que naceu no ano 2000 co obxectivo de sensibilizar e mobilizar á cidadanía como portavoces e activistas do dereito á educación e incidir nos representantes políticos para que cumpran os seus compromisos co dereito á educación. Na actualidade, 124 millóns de nenas, nenos e mocidade no mundo non van á escola. Deles, 59 millóns non acceden á educación primaria e 65 non chegan á escola secundaria. O Consorcio da CME en Galicia está integrado por Educo, Entreculturas, Axuda en Acción e Taller de Solidaridade. Ademais, forma parte da organización Solidariedade Internacional de Galicia, que vén apoiando as xornadas dende a súa creación.
Universidade de Santiago de Compostela