Ir o contido principal
iniciar sesión

A undécima promoción do programa Estalmat Galicia celebra a súa despedida

A undécima promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebrou este sábado o seu acto de despedida nunha sesión celebrada na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. O acto contou coa asistencia da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo. Baixo a presidencia da vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, ademais da conselleira, conformaron a mesa presidencial a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, o presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan M. Viaño Rey e a responsable da relación e actividades coas familias Trinidad Pérez López. Ao acto asistiu un numeroso grupo de docentes de ESTALMAT-Galicia, ademais de varios membros do Comité Organizador e de familiares e amigos dos estudantes “estalmateiros”.

En representación do profesorado de ESTALMAT-Galicia tomou a palabra o profesor Angel Rodríguez Arós, da UdC, e por parte dos estudantes Iván Rodríguez Vázquez (Cambre), Paloma Couto Montenegro (Baiona) e Paula Viéitez Lorenzo (Vigo) que fixeron unha semblanza dos dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia. En representación das familias dos estudantes interviñeron Marta Rodríguez González, profesora de ensino medio en Ourense, e María José Alonso Fernández, investigadora e profesora na USC, que destacaron o atractivo do proxecto para os seus fillos e fillas e dos beneficios que as súas metodoloxías docentes teñen na estimulación do seu talento matemático e na satisfacción das súas inquedanzas científicas.

O presidente de ESTALMAT-Galicia agradeceu o seu traballo a todo o equipo organizador e docente, así como aos patrocinadores do mesmo: Universidade de Santiago de Compostela, deputacións da Coruña e Lugo e, de maneira moi particular, á Consellaría de Educación, Universidade e FP. Juan Viaño resaltou a importancia de espertar vocacións na disciplinas CTEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos países que queiran estar na vangarda do coñecemento e avance tecnolóxico nos vindeiros anos e puxo de manifesto que o Proxecto ESTALMAT-Galicia favorece ese obxectivo, aliñándose así coa estratexia StemGal da Consellaría de Educación, Universidade e FP.

Pola súa parte a conselleira valorou na súa intervención o magnífico traballo do proxecto afirmando que “dende hai unha ducia de anos ESTALMAT-Galicia funciona con éxito e é un programa de referencia para o estímulo do talento. O traballo de todas as persoas que participan nel contribúe de forma decisiva a apoiar o alumnado con aptitudes matemáticas avanzadas, de tal xeito que redunde en maior proveito dos estudantes e da sociedade”.

O acto rematou coa entrega de diplomas e imposición de becas. Previamente, o alumnado realizou a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), guiada polo seu director Mauro Fernández de Bouza e asistido polos membros do seu equipo, Ignacio López, Fernando Bouzas e Natalia Costas.

Os 25 estudantes que agora rematan en ESTALMAT-Galicia foron seleccionados en 2017 (23 nenos e 2 nenas –nesta edición rexistrouse o número de mulleres máis baixo) entre os 345 presentados no ano 2017. A súa distribución por provincias é: A Coruña (14), Lugo (3), Ourense (1) e Pontevedra (7). Forman parte xa dos 3485 estudantes presentados nas doce convocatorias celebradas ata o momento (o que fai un promedio de 287 cada ano) e dos 300 alumnos que entraron no programa dende a súa posta en marcha.

Os estudantes que durante os dous anos amosaron un aproveitamento contrastado, serán convidados a participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia, que constará de 14 sesións máis. O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta actualmente con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo e da Consellería de Educación, Universidade e FP. Actualmente está aberta a inscrición para participar na probas de selección da convocatoria de 2019. Este prazo remata o 31 de maio e a proba terá lugar o 8 de xuño na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Universidade de Santiago de Compostela