Ir o contido principal
iniciar sesión

A Deputación da Coruña aprobará o Plan de Igualdade despois dun proceso participativo e elaboración de diagnose

A deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, presentou o informe final do programa "Compartimos plan" que fai unha diagnose arredor das políticas de igualdade nos concellos da Coruña e anunciou a próxima aprobación dun Plan de Igualdade que promoverá actuacións para eliminar a discriminación das mulleres.

"A diagnose marca o camiño que pecharemos coa aplicación do Plan de Igualdade que, non teño dúbida, contará coa unanimidade da corporación para a súa aprobación", sinalou a responsábel da área de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco no acto de presentación da diagnose da situación dos concellos e do plan de acción en materia de igualdade "Compartimos plan".

A Deputación da Coruña fai pública unha diagnose que, segundo a deputada, "é un documento sobre a realidade do territorio co fin de mudar as cousas, a información flúe neste proceso de abaixo a arriba, para coñecer a realidade e traballar para transcender no tempo, dándolle visibilidade como maneira para cambiar as cousas".

Despois de ano e medio de traballo e coa participación de máis de 2.000 persoas, Compartimos Plan ofrece unha diagnose para a detección de necesidades, unha guía de recursos existentes na materia nos distintos concellos, unha guía de boas prácticas e tamén o plan de acción pola igualdade de xénero.

"O proxecto desenvolveuse cunha metodoloxía participativa, dinámica e colaborativa que tivo tamén como obxectivo a sensibilización e concienciación en materia de igualdade", explicou a técnica de Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña, Eva Ovenza que anotou o avance que supón a publicación en rede das dúas guías, de boas prácticas e recursos, en materia de igualdade. "Compartimos plan" inclúe informes das dezaoito comarcas cunha diagnose dafo que se foi elaborando a través de grupos de traballo.

O Plan de Acción inclúe seis áreas estratéxicas entre as que se encontran, en primeiro lugar, unha referida ao traballo desde a propia Deputación da Coruña coa transversalización da estratexia de igualdade e o enfoque de xénero en todas as políticas institucionais; medidas relacionadas coa sensibilización e rexeitamento da violencia machista; mellora da empregabilidade das mulleres, resposta institucional contra o feminicidio e tamén empoderamento colectivo.

Entre os datos recollidos no diagnóstico inclúense algúns referidos ao traballo reprodutivo que indican que as mulleres dedican 45 minutos ao día máis que os homes para tarefas domésticas fronte unha menor participación das mulleres na esfera produtiva. A precariedade laboral é maior nas mulleres que, por outra parte, teñen menos benestar materia, físico e emocional que os homes.

O informe contempla que a menor percepción das desigualdades dáse precisamente entre os grupos con maiores desigualdades, sendo desta maneira máis pequena entre a poboación maior de 65 anos residente en concellos de menos de 5000 habitantes e entre a poboación sen estudos superiores.

En canto aos recursos dos concellos, a diagnose sinala que só 9 concellos sen CIM contan con atención psicolóxica e só 3 con asesoría xurídica. As institucións municipais teñen, segundo o informe, unha escasa planificación estratéxica das políticas de igualdade e insuficientes recursos económicos e humanos nas áreas correspondentes xa que só 1 de cada 10 concellos conta con persoal especializado e a maior parte deles dependen de subvencións específicas.
Deputación da Coruña