Ir o contido principal
iniciar sesión

Cinco novas propostas do mellor teatro nacional na Tempada de Teatro de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a súa Tempada de Teatro de outubro a decembro no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). Os abonos estarán dispoñibles do 30 de maio ao 8 de setembro e as adquisicións poderanse realizar no teléfono 902 504 500 ou na web Ataquilla.com. Aquelas persoas abonadas á tempada anterior que desexen conservar a súa butaca poderán adquirilos os días 27 e 28 de maio. As persoas abonadas á tempada anterior que queiran cambiar a súa butaca poderán facelo o 29 de maio.

Os abonos supoñen un 20 % de desconto con respecto ao prezo do billete individual. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para desempregados, xubilados e mozos que supón unha rebaixa adicional dun 10 %.

OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO 2019 OUTUBRO – DECEMBRO

O 11 de outubro comezará a tempada con Divinas palabras, unha peza de Valle-Inclán dirixida por José Carlos Plaza e coa interpretación de María Adánez e Charo López.

Continuará o día 20 de outubro con La strada, a versión para teatro do clásico de Fellini dirixida por Mario Gas e cun elenco conformado por Alfonso Lara, Mar Ulldemolins e Alberto Iglesias.

Tras o éxito da adaptación realizada por Álex de la Iglesia, chega ao Teatro Afundación de Vigo a versión teatral de Perfectos desconocidos, dirixida por Daniel Guzmán e á que darán vida Alicia Borrachero, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Elena Ballesteros, Jaime Zataraín, Ismael Fritschi e Inge Martín. Será o 14 de novembro.

O 8 de decembro será a representación de Toc toc, de Laurent Baffie coa dirección de Esteve Ferrer, unha produción que leva en cartel dez tempadas. Conta cun elenco conformado por Carmen Arévalo, Esteve Ferrer, Laura Hernando, Sara Moros, Paco Obregón, Fran Sariego e Ana Trinidad.

Finalmente o 19 de decembro pecharase a tempada coa adaptación teatral de Muerte en el Nilo, de Agatha Christie, unha versión con música en directo dirixida por Víctor Conde e coa interpretación de Adriana Torrebejano, Pablo Puyol, Cisco Lara, Ana Rujas, Ana Escribano, Miquel García, Sergio Blanco, Lorena de Orte, Paula Moncada e Dídac Flores.
Afundación