A sostibilidade agro-territorial, a debate en Lugo do 4 ao 6 de setembro no XII Congreso de Economía Agraria

As pretensións do XII Congreso de Economía Agraria, constitúe a actividade máis importante das que promove a AEEA, pasan por salientar e poñer de relevo a importancia da análise da sostibilidade dos actuais modelos de consumo e produción agroalimentaria, gandeira e forestal no contexto territorial no que se desenvolven. A celebración deste evento científico no campus de Lugo, permitirá abordar este debate desde a perspectiva atlántica e sen obviar a fraxilidade das áreas que están a sufrir graves problemas de tipo económico e demográfico, a pesar de tratarse de enclaves con potencialidades para a creación de riqueza.
A celebración deste congreso no Campus Terra da USC, a sede da USC que avanza na súa especialización no aproveitamento e na posta en valor de toda a riqueza e das potencialidades que ofrece todo o relacionado coa terra e o territorio, permitirá asemade estimular a investigación sobre o futuro das políticas agrarias e, en particular, da Política Agraria Común (PAC) da próxima década. Á relevancia deste congreso cómpre sumar tamén as potencialidades da sede universitaria luguesa, cuxa actividade docente e de I+d+i pivota en grande medida sobre a actividade agrogandeira e as súas industrias derivadas, características que fan do campus de Lugo un enclave acaído para o encontro, o diálogo e a transferencia de coñecemento.
O Congreso de Economía Agraria da AEEA chega a Lugo logo dunha xa dilatada andaina que botou a andar en 1992 en Zaragoza, tomando o relevo das denominadas Reunións de Estudo celebradas ata entón pola citada asociación. Entre 1992 e 2007 estes congresos científicos foro de periodicidade trienal e tiveron como sedes Valencia (1995), Lleida (1998), Pamplona (2001), Santiago de Compostela (2004) e Albacete (2007). Almería (2009), Madrid (2011), Castelldefels (2013), Córdoba (2015) e Elche/Orihuela (2017) completan a relación de localizacións que acubillaron este evento científico da AEEA ao longo do último cuarto de século.
Universidade de Santiago de Compostela